Os dous grupos queren incluír tamén a persoal laboral fixo na súa composición 

O alcalde lembrou que sempre estivo formada por persoal funcionario, como figuraba na súa proposta

Rexeitada a adhesión do Concello á Rede Composta cos votos en contra do grupo popular e coa abstención do nacionalista

A conta xeral de 2024, cun resultado positivo de 75.101 euros, foi aprobada cos votos de PSdeG e BNG e coa abstención do PP

 

 

 

O Pleno do Concello da Baña rexeitou este 1 de outubro modificar a mesa de contratación permanente do Concello ao votar en contra os cinco concelleiros do Partido Popular e a concelleira do BNG. Os dous grupos solicitaron incluír na súa composición o persoal laboral fixo e non só a funcionarios municipais. Tamén foi rexeitada a proposta da alcaldía para incluír A Baña na Rede Composta, nesta ocasión cos votos en contra do PP e coa abstención do BNG. A conta xeral de 2024 amosa un resultado positivo de 75.101 euros e foi aprobada cos votos a favor do equipo de goberno (PSdeG e BNG) e a abstención da oposición do PP.

O alcalde Baña, José Antonio Pereira, non puido sacar adiante no pleno de onte a modificación da mesa de contratación permanente. A súa intención era nomear a actual secretaria e a dúas funcionarias municipais para os postos vacantes da mesa. Dende o BNG, Mónica González propuxo que se tivese en conta o persoal laboral fixo do Concello para ocupar algún deses postos, e Andrés García Cardeso (PP) pediu que se establecese un sistema rotatorio entre o persoal municipal. 

José Antonio Pereira replicoulles que, dende que cambiou a normativa, a mesa de contratación permanente sempre estivo composta por persoal funcionario do Concello. A proposta da alcaldía foi rexeitada cos 6 votos en contra de PP (5) e BNG (1), e co voto a favor do PSdeG (4).

A Corporación tamén rexeitou a proposta de incorporar o Concello da Baña á Rede Composta, unha coordinadora de entidades locais de todo o Estado, para fomentar a compostaxe. José Antonio Pereira lembrou que dende o Concello se están a incrementar as accións de concienciación entre a veciñanza para apostar pola compostaxe doméstica ou comunitaria, coa finalidade de reducir os residuos orgánicos e preservar o medio ambiente. Pereira indicou que xa se repartiran máis de 175 composteiros individuais e colocáronse dous colectivos, un en San Vicenzo e outro preto do colexio, e lembrou que Rede Composta garante a formación dun mestre composteiro na Baña para seguir traballando nesta liña.

O PP opúxose a esta iniciativa alegando que A Baña xa conta con apoio de Sogama para fomentar a reciclaxe e tamén co apoio da Xunta. Pola súa banda, Mónica González optou pola abstención, argumentando que carecía de información sobre esta iniciativa e que non lle fora posible entrar na páxina web desta rede.

O lugar e colocación dos dous composteiros comunitarios foi tamén motivo de discrepancias entre os grupos políticos. PP e BNG amosaron o seu desacordo cos sitios onde están situados, mentres que o alcalde considera que son os máis axeitados para fomentar a participación tanto da veciñanza coma do colexio.

Na votación, a proposta foi rexeitada cos votos en contra do PP (5), a favor do PSdeG (4) e coa abstención do BNG (1).

Na sesión de onte tamén se aprobou a conta xeral do exercicio 2024, cos votos a favor de PSdeG (4) e BNG (1) e coa abstención do PP (5), que deixa un remanente positivo de 75.101 euros “grazas á boa xestión económica que está a facer o equipo de goberno”, afirmou o alcalde. José Antonio Pereira lembrou durante a súa exposición que cando accedeu á alcaldía o Concello tiña unha débeda de millón e medio de euros. “Agora mesmo gozamos dun remanente positivo de tesourería de 294.046 euros, coa incorporación dos 75.101 euros do ano pasado”, asegurou.

No apartado de rogos e preguntas, o concelleiro de Obras salientou as obras de ampliación do PAI, para converter o centro nunha escola infantil. Está previsto que rematen no mes de decembro, dentro do prazo establecido para xustificar a subvención.

Pola súa banda, Mónica González contestoulle ao PP que as clases da Escola de Música Tradicional comezarán nese mes de outubro, como todos os anos.

 

20251001 Banha pleno ordinario PP BNG rexeitan cambios mesa contratacion 1