-
O evento que se celebra este domingo contará con 108 persoas na andaina, 89 no minitrail, 67 no trail promesa e 59 no trail longo
-
Ademais das probas deportivas, ofreceranse degustacións de Ternera Gallega e das tradicionais filloas da pedra
-
A cita é puntuable para o ranking absoluto, máster, Sub 23, Sub 20, Sub 18 e Sub 16

O Trail da Baña celebra este domingo, 28 de setembro, a súa oitava edición con máis de 320 persoas inscritas, cifra que supón un novo récord para esta proba xa consolidada no calendario galego oficial de trail running. O evento será puntuable para o ranking absoluto, máster, Sub 23, Sub 20, Sub 18 e Sub 16.
A cita deportiva contará con catro modalidades: trail longo de 28 quilómetros cun desnivel acumulado de 1.000 metros, minitrail de 16 quilómetros cun desnivel de 650 metros, trail promesa de 8 quilómetros e andaina non competitiva de 10 quilómetros.
O grupo máis numeroso será o da andaina, con 108 participantes. No minitrail inscribíronse 89 persoas, no trail promesa chegan este ano aos 67 e no trail longo 59.
A saída efectuarase desde o pavillón de San Vicenzo ás 9.45 horas co trail longo. O minitrail iniciarase ás 9.55, o trail promesa ás 10.00 e a andaina ás 10.05.
As distancias de trail longo contarán coas categorías sénior, máster 1, máster 2 e absoluta. O trail promesa inclúe Sub 20, Sub 18, Sub 16, sénior e absoluta. Establécense premios para os tres primeiros homes e mulleres de cada categoría, para os tres primeiros clubs clasificados no trail longo, para o club con maior participación e para os mellores atletas locais do Val de Barcala.
Agasallo para todas as persoas participantes
Cada persoa inscrita recibirá uns calcetíns de running personalizados co logotipo do Trail da Baña. Están deseñados para favorecer a adaptación ao pé e a transpiración, co obxectivo de que poidan empregarse tanto durante a proba como no adestramento habitual. O Concello destaca que este detalle pretende recoñecer o esforzo de cada participante e reforzar o carácter conmemorativo desta oitava edición.

Degustación de filloas da pedra GDR
Ao rematar a proba habilitarase un espazo de encontro para participantes e acompañantes, onde se ofrecerá unha degustación de filloas da pedra da Baña. Estas filloas, elaboradas ao estilo máis tradicional, son un símbolo da gastronomía local e poderán probarse grazas á colaboración do GDR Terras de Compostela dentro do xeodestino Terras de Santiago. O Concello destaca que actividades como esta serven para poñer en valor a cultura do municipio e reforzar a difusión dun produto que identifica á contorna. Ademais, lembra que segue a traballar para que a Festa da Filloa da Pedra obteña o recoñecemento de Festa de Interese Turístico.
O Concello da Baña agradece a colaboración das entidades e empresas patrocinadoras que fan posible esta oitava edición do trail como Ternera Gallega, Gadis, que facilitará auga para participantes e acompañantes, e Hyundai AutoXallas, que apoia á organización coa cesión dun vehículo.
As persoas participantes no trail terán á súa disposición unha guía na que se recollen os distintos itinerarios e os puntos de abastecemento, ademais dalgúns lugares de interese para visitar se queren prolongar a súa estadía na Baña. A guía pode descargarse tamén na páxina web do Concello da Baña.
Os dorsais tanto para a Andaina como para as modalidade de Trail poderán recollerse o día do trail a partir das 08.15 horas na praza do Concello da Baña, San Vicente.
As persoas participantes no trail terán á súa disposición unha guía na que se recollen os distintos percorridos e os puntos de abastecemento. A guía pode descargarse tamén no documento adxunto.