-
O obxectivo é fomentar o espírito do Nadal, potenciar a creatividade veciñal e poñer en valor as aldeas do municipio a través da decoración dos seus espazos exteriores
-
Para participar hai que enviar un vídeo de 2 minutos que amose a decoración instalada antes do 19 de decembro
-
A decoración deberá permanecer desde o 19 de decembro ata o 8 de xaneiro
-
A aldea gañadora será elixida mediante votación pública nas redes sociais oficiais do Concello
-
Repartiranse 600 € en premios

O Concello da Baña, a través da Concellería de Turismo, Deporte e Relacións Institucionais, convoca o I Concurso de Decoración de Nadal das aldeas do municipio, unha iniciativa pensada para fomentar o espírito do Nadal, potenciar a creatividade veciñal e poñer en valor as aldeas do municipio a través da decoración dos seus espazos exteriores visibles dende a rúa.
Poderán participar todas as aldeas do termo municipal que deberán crear unha decoración de Nadal nun espazo público da súa elección, deixando voar a súa imaxinación e estilo propio.
A participación formalizarase mediante o envío dun vídeo de aproximadamente 2 minutos que amose a totalidade da decoración instalada, acompañado do formulario de inscrición que aparece nas bases. O vídeo deberá enviarse por WhatsApp ao número 620 980 631 antes do 19 de decembro de 2025. O formulario de inscrición poderá entregarse presencialmente no Concello ou por correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
A decoración deberá permanecer instalada desde o 19 de decembro de 2025 ata o 8 de xaneiro de 2026, ambos incluídos, e deberá incluír visiblemente o texto ‘Nadal na Baña’.
Sistema de selección e criterios
A aldea gañadora será elixida mediante votación pública nas redes sociais oficiais do Concello, correspondendo o premio ao vídeo que obteña maior número de interaccións entre o 19 de decembro ata as 15:00 horas do 2 de xaneiro de 2026. O Concello poderá descualificar participacións que empreguen métodos fraudulentos para garantir a transparencia do proceso.
O concurso establece os seguintes premios:
- 1º premio: lote de produtos de decoración de Nadal valorado en 300 €
- 2º premio: lote valorado en 200 €
- 3º premio: lote valorado en 100 €
A entrega dos premios terá lugar durante a tradicional Cabalgata de Reis do Concello da Baña, convertendo este evento nunha celebración colectiva da creatividade e o espírito navideño das nosas aldeas.
Co I Concurso de Decoración de Nadal, o Concello da Baña pretende fortalecer os lazos comunitarios, incentivar a participación veciñal e consolidar as aldeas como referentes de cultura e tradición durante as festas de Nadal, promovendo así un municipio máis vivo, acolledor e participativo.
As bases completas do concurso xunto ao formulario de inscrición están dispoñibles no ficheiro adxunto ou na sede electrónica.