• As Escolas Deportivas Municipais 2024/2025 pechan o curso cunha cifra histórica de participación

  • O pavillón de San Vicenzo acolleu unha xornada festiva con exhibicións, xogos e agasallos para todo o alumnado

  • O alcalde, José Antonio Gil, e a concelleira de Deportes, Ana Pensado, entregaron ao alumnado un agasallo conmemorativo

 

20250607 clausura Escolas Deportivas

O pavillón municipal de San Vicenzo acolleu esta mañá a Gala de Clausura das Escolas Deportivas Municipais, unha cita xa consolidada no calendario local que serviu para pechar cunha gran festa un curso récord, no que participaron 148 persoas, entre alumnado infantil e adulto. Trátase da maior cifra rexistrada ata o de agora neste programa municipal.

Durante máis de dúas horas, os nenos, nenas e mozos e mozas que forman parte das distintas disciplinas deportivas municipais tiveron a oportunidade de amosar todo o aprendido ao longo do curso escolar, con pequenas exhibicións de patinaxe, tenis de mesa, judo, baloncesto, baile moderno e acrosport, que foron recibidas con entusiasmo por parte do público asistente, composto por familiares e veciñanza.

WhatsApp Image 2025 06 07 at 14.05.10

A gala contou coa participación do alcalde, José Antonio Gil, e da concelleira de Deportes, Ana Pensado, que fixeron entrega a todo o alumnado dun agasallo conmemorativo: unha toalla de secado rápido co logo do Concello, como recordo da súa participación e esforzo neste curso.

Tralo programa de exhibicións, a xornada rematou cunha sesión de xogo libre e inchables, que puxeron a nota máis lúdica e festiva da mañá, convertendo a clausura nun verdadeiro encontro de convivencia arredor do deporte.

WhatsApp Image 2025 06 07 at 14.07.05 1

Preparando o vindeiro curso

Desde o Departamento de Deportes xa se está a traballar na planificación da tempada 2025/2026, coa intención de ampliar a oferta actual e incorporar novas actividades que respondan aos intereses e demandas da veciñanza. O obxectivo é seguir medrando en participación, diversidade e accesibilidade da práctica deportiva no concello.

Este ano, a oferta das Escolas Deportivas Municipais incluíu disciplinas como patinaxe (con 26 participantes), xadrez (7), judo, 10, tenis de mesa (17), tenis (11), baloncesto (15), baile moderno (20), acrosport , pádel (44) e pilates (36).

WhatsApp Image 2025 06 07 at 14.07.05