-
Mónica González e responsables da escola de música animan á veciñanza que formou parte da antiga Banda da Baña que se sume á nova agrupación
-
A concelleira informa que en agosto haberá obradoiros gratuítos de piano e acordeón
-
A Escola de música Emilio Andújar formáronse este curso unha trintena de alumnos e alumnas en percusión, vento metal, piano e acordeón
A Escola Municipal de Música Emilio Andújar da Baña celebrou este sábado 28 de xuño o festival de fin de curso, unha cita que serviu para amosar o traballo realizado polo alumnado ao longo do ano e poñer en valor o talento musical que medra no concello. Durante o festival, que se desenvolveu nas instalacións da propia escola, o público puido gozar de distintas actuacións, incluída a da recentemente creada Banda da Escola de Música da Baña, que pechou o acto.
As actuacións do alumnado comezaron coa interpretación do tema Basoira miña por parte da aula de percusión, e remataron cunha vibrante versión a batería de No puedo vivir sin ti, en palabras do director da escola, Juan Leis, “porque non podemos vivir sen música”. A actuación da Banda da Escola de Música da Baña pechou este emocionante festival con tres temas e rematou coa interpretación do Himno Galego, que tamén foi coreado polo público presente, creando un momento de especial emoción.
A Banda da Escola de Música da Baña presentouse oficialmente o pasado 17 de maio, Día das Letras Galegas, e conta con dirección compartida entre Marcos Cernadas e Juan Leis, este último tamén responsable da escola. O obxectivo para o vindeiro curso é que a banda poida actuar polas distintas parroquias do concello, achegando a música a toda a veciñanza.
Durante o curso 2024-2025, participaron na escola municipal unhas trinta persoas, que recibiron formación en percusión, vento madeira, piano e acordeón. A concelleira de Acción Social, Mónica González, destacou a importancia da música como “ferramenta educativa e socializadora”, e felicitou ao alumnado “pola súa entrega e pola recuperación da Banda da Baña”. Tamén puxo en valor a valentía de moitas alumnas e alumnos que están a aprender dous instrumentos ao mesmo tempo.
González aproveitou o festival para facer un chamamento a todas as persoas que no pasado formaron parte da Banda da Baña, ou que teñan instrumentos musicais na casa, para que se animen a sumarse á nova banda, “aínda que non acudan a escola de música”.
A tenente de alcalde anunciou ademais que durante o mes de agosto a Concellería de Acción Social organizará obradoiros gratuítos de piano e acordeón, abertos á veciñanza. Tamén sinalou que este ano se puxo en marcha un grupo de música e movemento para nenas e nenos de ata seis anos, que espera que poida actuar no festival do vindeiro curso.
Na clausura do festival, Mónica González entregou diplomas ao alumnado presente e agradeceu o traballo do equipo docente da escola: Juan Leis (percusión e responsable da escola), Marcos Cernadas (vento metal) e Ramón Leis (piano e acordeón). Ao acto tamén asistiron os concelleiros Álvaro Silva e Vanesa Gil.