-
As asociacións ou colectivos veciñais que desexen celebrar nun espazo público deberán presentar unha solicitude a través da sede electrónica do Concello e un seguro de responsabilidade civil
-
O prazo remata o 19 de xuño
O Concello da Baña informa que non será necesaria autorización municipal para realizar as tradicionais cacharelas de San Xoán en recintos privados. En cambio, as asociacións ou colectivos veciñais que desexen celebrar as cacharelas deberán presentar unha solicitude a través da sede electrónica do Concello, así como un seguro de responsabilidade civil que cubra os posibles danos durante a actividade.
O prazo límite para solicitar o permiso remata o xoves 19 de xuño de 2025.
O Concello tamén lembra que é obrigatorio deixar o espazo público completamente limpo unha vez rematada a celebración, xa sexa unha cacharela ou unha sardiñada.
Para garantir a seguridade da veciñanza e do entorno, será necesario seguir as seguintes normas:
- As fogueiras deberán situarse a unha distancia mínima de 15 metros das vivendas e 50 metros das masas vexetais.
- Está prohibido realizar cacharelas debaixo de liñas eléctricas ou telefónicas.
- Non se poderá queimar ningún tipo de material contaminante ou perigoso, como pneumáticos, plásticos, aceites ou recipientes con líquidos inflamables ou gases a presión, mesmo se están baleiros.
- En terreos con vexetación herbácea, deberá limparse unha franxa de 9 metros ao redor da fogueira, retirando todo o material combustible.
- A fogueira deberá estar vixiada polos organizadores ata a súa completa extinción, asegurándose de que non quede ningunha cinza acesa.
- No caso de que se produza vento, a actividade deberá suspenderse de inmediato.
Desde o Concello da Baña faise un chamamento á responsabilidade colectiva para que a tradición das cacharelas poida celebrarse con seguridade, respecto ao medio ambiente e convivencia cidadá.