• As inscricións permanecerán abertas ata o mércores 30 de abril ás 23:59 horas

  • A participación para as categorías escolares é de balde, mentres que para as categorías Sénior e Máster ten un custo de 7 euros

  • Poderán participar deportistas federados e non federados

  • O obxectivo é fomentar o deporte e a actividade física entre a veciñanza

 

20250311 Carreia Popular A Baña

 

O domingo 4 de maio celebrarase a primeira edición da Carreira Popular Concello da Baña, unha cita deportiva que inclúe un programa completo de probas para todas as idades e niveis. Coa colaboración e control técnico da Federación Galega de Atletismo, a carreira terá a liña de saída e de chegada na Praza do Concello, convertendo esta xornada nun punto de encontro para os amantes do deporte e da actividade física.

A Carreira Popular Concello da Baña está aberta á participación de todas as persoas, tanto federadas como non federadas, e inclúe categorías desde os máis pequenos (biberón, para os nados no ano 2020 e posteriores) ata os adultos e veteranos (categoría Máster para os nacidos en 1989 e anteriores). Deste xeito, o evento busca promover a actividade física e o deporte en toda a comunidade, sen importar a idade ou o nivel.

As inscricións poden realizarse na web oficial www.carreirasgalegas.com ata o mércores 30 de abril ás 23:59 horas. Mentres que a participación nas categorías escolares (de biberón a sub-18) será de balde, as inscricións nas categorías Sénior e Máster teñen un custo de 7 euros. As retiradas de dorsais realizaranse na Casa do Concello o sábado 3 de maio, entre as 17:00 e as 20:00 horas, ou ben no propio día da proba, ata media hora antes do inicio da carreira correspondente.

As probas comezarán ás 10:00 h coa categoría sub-18 e continuarán ao longo da mañá, cunha distancia que vai desde os 100 metros para os máis pequenos ata os 10 km para os adultos e veteranos. Os horarios e distancias de cada categoría son:

  • Biberón (2020 e posteriores): 100 m con saída ás 13:10 h
  • Prebenxamín (2018-2019): 200 m con saída ás 13:15 h
  • Sub 10 (2016-2017): 800 m con saída ás 12:55 h
  • Sub 12 (2014-2015): 1.200 m con saída ás 12:40 h
  • Sub 14 (2012-2013): 1.200 m con saída ás 12:30 h
  • Sub 16 (2010-2011): 2.400 m con saída ás 12:10 h
  • Sub 18 (2008-2009): 5 km con saída ás 10:00 h
  • Senior (1990-2007) e Máster (1989 e anteriores): a proba de 5 km comezará ás 10:00 h e a de 10 km ás 11:00 h

Premios aos deportistas locais

O Concello da Baña recoñecerá o esforzo dos participantes entregando trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría, así como aos tres primeiros en cada unha das probas de 5K e 10K. Tamén se premiarán aos tres mellores clubs da proba de 10K.

Os participantes locais que ocupen os tres primeiros postos na proba de 10K recibirán tamén un trofeo.

Para garantir a comodidade de todas as persoas, a organización ofrecerá servizo de duchas no Pavillón Polideportivo de San Vicente e no Campo de Fútbol Antonio Martínez.

Este evento, que busca ser un referente no calendario deportivo local, amosa o compromiso do Concello da Baña coa promoción do deporte e a actividade física entre a súa veciñanza.