-
O acto, que coincide coa celebración do Día da Muller, enmárcase dentro da programación cultural do mes de marzo
-
Con esta distinción, o Concello agradece á veciña de San Vicente a súa implicación e a dedicación ás actividades culturais e festivas do municipio
O Concello da Baña celebrou este venres, 7 de marzo, unha emotiva homenaxe a María Elena López García, veciña de San Vicente, en recoñecemento á súa implicación e dedicación ás actividades culturais e festivas do municipio. O acto, que tivo lugar na Escola Municipal de Música Emilio Andújar coincidindo coa celebración do Día da Muller, enmarcouse dentro da programación cultural do mes de marzo.
Durante a cerimonia, Elena López foi distinguida como a primeira embaixadora da Festa da Filloa da Pedra da Baña, un título que recoñece a súa labor na promoción desta celebración e na dinamización cultural do concello. A homenaxeada leva anos colaborando activamente en eventos como a Festa da Filloa, o desfile de Entroido e as actividades da Escola de Música Tradicional Municipal, onde forma parte dos grupos de pandeireteira e de canto.
O acto contou coas intervencións do gaiteiro e músico Emilio Lois e da propia Elena López, que agradeceu con emoción este recoñecemento. Ademais, unha das súas fillas dedicoulle unhas palabras en nome da familia, destacando a súa paixón e compromiso coa cultura local. A concelleira de Cultura, Mónica González, foi a encargada de abrir o evento e de entregarlle varios agasallos como mostra de gratitude polo seu labor. Un dos momentos máis emotivos foi cando o grupo de pandeireteiras e de cantos sorprendérona dedicándolle unha canción cunha letra moi especial.
O alcalde José Antonio Pereira, así como varios concelleiros do goberno local tamén acudiron a esta merecida homenaxe que congregou a moitos veciños e veciñas que amosaron así o seu cariño a Elena.
A xornada completouse cunha sesión de narración oral a cargo da obra "As do maré", que puxo en valor a tradición e a memoria colectiva das mulleres.
Con este acto, o Concello da Baña reafirma a súa aposta por destacar o papel fundamental das mulleres na dinamización cultural e na conservación das tradicións do municipio.