-
Música, teatro e literatura conforman un calendario pensado para todos os públicos
-
Os días 3, 4 e 5 celébrase os Obradoiros de entroido para a cativada menor de 13 anos
Concello da Baña presenta a súa programación cultural para o mes de marzo, cunha ampla oferta de actividades paratoda a veciñanza. Música, teatro, literatura e entroido conforman un calendario pensado para todos os públicos.
As actividades comezarán os días 3, 4 e 5 de marzo cos Obradoiros de entroido, en horario de 8:00 a 14:00 horas, que permitirán ás crianzas escolarizadas ata os 13 anos preparar as súas máscaras e disfraces para a gran festa do sábado 8, co desfile de Entroido.
O venres 7 de marzo, a Escola de Música Emilio Andújar acollerá un acto de homenaxe a María Elena López ás 19:15 horas. A continuación, ás 20:30 horas, terá lugar o concerto de Rilo e Penadique co seu espectáculo As do mare. Esta peza é un tributo ás mulleres do mar nas historias de 𝐴 𝑀𝑎𝑟𝑢𝑥𝑎𝑖𝑛𝑎, 𝐴 𝑝𝑒𝑑𝑟𝑎 𝑑𝑜 𝑐𝑢 𝑑𝑎 𝑟𝑎𝑖́𝑛̃𝑎 ou 𝑂𝑠 𝑐𝑎𝑛𝑡𝑜𝑠 𝑑𝑎𝑠𝑐𝑜𝑛𝑠𝑒𝑟𝑣𝑒𝑖𝑟𝑎𝑠.
O sábado 8 de marzo celébrase o Desfile de Entroido a partir das 16.30 horas, no que se repartirán máis de 3.200 euros en premios entre as diferentes cartegorías (individual, grupo, comparsa e carroza). A comitiva desfilará polas rúas Castelao e Tedelle, fará unha escenificación diante da escola de música Emilio Andújar e rematará o percorrido diante do polideportivo de San Vicenzo, onde se entregarán os premios e se repartirán petiscos gratuítos. O grupo CDC encargarase de poñer a música para animar a festa. A inscrición para participar no desfile pode facerse ata o 5 de marzo.
O domingo 9 de marzo, o Auditorio da Casa da Cultura será o escenario da presentación do libro O Clamor das Virxes, de Marga Cancela, a partir das 11:30 horas. Nesta cita literaria, a autora estará acompañada por Rebeca Liñares, letrada da Administración de Xustiza, e por Mónica González, concelleira de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía. O Clamor das Virxes é unha novela inspirada en feitos reais que aborda a loita e resistencia dun grupo de mulleres que sufriron abusos na Galicia rural do século XX.
A programación continuará o venres 28 de marzo cun Faladoiro sobre xénero e saúde mental no Auditorio da Casa da Cultura, ás 19:00 horas, coa participación de Antía Yáñez (escritora e dinamizadora cultural), Iria Veiga (médica psiquiatra e divulgadora científica) e Claudia Morán (xornalista e integrante de Xornalistas Galegas), tres expertas de ámbitos complementarios para debater sobre a importancia dunha perspectiva de xénero no tratamento da saúde mental e na súa representación cultural.
Por último, o sábado 29 de marzo, o Concello organizará unha saída ao Centro Dramático Galego para asistir á representación da obra A burra, a mesa e o pau. O autobús partirá ás 16:15 horas da Praza do Concello e as entradas terán un custo de 5 euros. A directora, Lorena Conde, dirixe a quince protagonistas que dan vida a persoas no límite da pobreza que ven no azar a vía de escape para evadirse dos seus problemas. A función terá lugar no Salón Teatro de Santiago ás 18:00 horas. As prazas son limitadas, polo que as persoas que desexen participar pode inscribirse tanto en persoa, na Oficina de Cultura, como por teléfono, no 981 88 65 01.
Desde o Concello da Baña animan a toda a veciñanza a participar nestas actividades culturais e a desfrutar dunha programación variada e enriquecedora para todos os públicos.