• Recoñeceranse os mellores disfraces nas categorías de carrzoas, comparsas, grupos e individual

  • O desfile percorrerá as rúas Castelao e Tedelle a partir das 16.30 horas e os participantes farán unha pequena actuación diante da escola de música

  • As inscricións poderán realizarse ata o 5 de marzo a través da sede electrónica ou presencialmente no Rexistro

20250308 Cartel Entroido A Banha 2025 web

 

O Concello da Baña celebrará o vindeiro sábado 8 de marzo o tradicional Concurso de Disfraces de Entroido, que terá lugar a partir das 16.30 horas cun desfile polas rúas Castelao e Tedelle. O certame repartirá un total de 3.350 euros en premios entre as diferentes categorías: carrozas, comparsas, grupos e disfraces individuais, tanto infantís como de persoas adultas.

As carrozas e comparsas gañadoras recibirán 900 euros, mentres que as segundas e terceiras clasificadas obterán 400 e 150 euros, respectivamente. Na categoría de grupos, o primeiro premio será de 150 euros e o segundo de 100. Ademais, tamén se concederán premios individuais, cunha dotación de 100 euros tanto para a categoría infantil como para a de persoas adultos.

Para participar, os grupos deberán contar cun mínimo de dúas persoas e cun máximo de seis, mentres que as comparsas deberán ter polo menos sete membros. As carrozas tamén precisarán dun mínimo de sete participantes, ademais dun vehículo móbil con tripulación.

Durante o desfile, cada participante disporá dun máximo de cinco minutos para exhibir o seu disfrace e a súa actuación diante da escola de música Emilio Andújar. O xurado, composto por persoas alleas á organización, valorará a orixinalidade, a posta en escena e o coidado no vestiario e maquillaxe, especialmente o traballo feito a man e o emprego de materiais de refugallo.

As persoas interesadas en concursar deberán inscribirse a partir de mañá, mércores 19 de febreiro, e antes do mércores 5 de marzo. Poden facelo a través da sede electrónica do Concello ou de forma presencial no Rexistro Xeral. No caso de menores de idade, será necesario achegar unha autorización.

As bases completas do concurso, así como o formulario de inscrición e a autorización para menores, están dispoñibles nos ficheiros adxuntos.