• “Lume á pedra, festa rachada, viva a Baña, filloa dourada” repite a letra da canción coa que Caxade apoia a declaración de Interese Turístico de Galicia para esta festa

  • Caxade lembrou os seus vínculos coa Baña, dende que comezara a súa carreira como mestre na escola unitaria de Lañas ata que en 2022 lle deron o premio Daniel García Barros

  • Voluntarias e voluntarios prepararon máis de dez mil filloas e atenderon durante todo o día as 30 pedras colocadas no pavillón de San Vicenzo

web 20250216 Banha festa filloa pedra Caxade pregoeiro voluntarios 1 

A Festa da Filloa da Pedra da Baña xa ten banda sonora. ‘Lume á pedra’ é o título da canción que Alonso Caxade estreou na primeira parte do pregón da vixésimo primeira edición. “Lume á pedra, festa rachada, viva A Baña, filloa dourada”, repite este tema que Caxade lle cede ao Concello, sumándose á iniciativa para solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico para a Filloa da Pedra da Baña. Unha celebración que rematou este domingo cun multitudinario concerto de Fillas de Cassandra, o primeiro que ofrecen en Galicia este 2025.

Miles de persoas achegáronse durante toda a xornada deste domingo 16 de febreiro ata a Baña para participar nos numerosos actos organizados para celebrar a vixésimo primeira edición da Festa da Filloa da Pedra, que o Concello fai coincidir co comezo da tramitación do expediente para solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para esta celebración tradicional.

web 20250216 Banha festa filloa pedra Caxade pregoeiro 24Alonso Caxade sumouse a esta iniciativa compoñendo a canción na que fala de como se fai a filloa da pedra e da súa vinculación co municipio. Caxade, que comezou a súa carreira profesional como mestre na escola unitaria de Lañas e en 2022 recibiu o primeiro Premio Daniel García Barros que concede o Concello da Baña, relatou no seu pregón os moitos vínculos que o unen con este municipio. Caxade non dubidou en asegurar que lle cedía esta canción ao Concello para promocionar a Festa da Filloa da Pedra, como lle pedira a tenente de alcalde Mónica González Blanco. Ao rematar o pregón, Mónica González e o alcalde, José Antonio Pereira, regaláronlle a Caxade unha pedra de granito para que poida facer filloas na casa.

Foron miles de persoas as que durante todo o día se achegaron ata San Vicenzo para degustar as máis de 10.000 filloas que prepararon voluntarias e voluntarias durante a fin de semana, moitas delas elaboradas o domingo en directo nas 30 pedras colocadas no pavillón de San Vicenzo, e que estiveron traballando sen parar incluso durante o concerto de Fillas de Cassandra.

Moitas das persoas visitantes asinaron para solicitar que a Festa da Filloa da Pedra sexa declarada de interese turístico de Galicia, unha petición que tamén apoiou expresamente a portavoz do BNG do Parlamento galego, Ana Pontón, que se achegou ata a Baña e se animou a facer filloas e conversar coas voluntarias. Na festa tamén estiveron presentes os alcaldes de Val do Dubra, Diego Díaz; e o de Santa Comba, Alberto Romar, así como concelleiros dos tres grupos políticos da Corporación da Baña.

Os actos comezaron ás dez da mañá coa ruta ciclista da filloa, na que máis de medio cento de persoas percorreron dez quilómetros polo municipio bañense. Ao rematar puideron degustar uns petiscos de Ternera Gallega, elaborados polo chef José Manuel Mallón.

web 20250216 Banha festa filloa pedra Caxade pregoeiro Fillas Cassandra 6Integrantes da Escola de Música Tradicional da Baña iniciaron ao mediodía o apartado musical cunha concorrida e aplaudida actuación antes do pregón de Alonso Caxade. O trío Alborada encargouse da sesión vermú, mentres a Asociación de Familias do CPI San Vicente organizaba un taller de estampado de camisetas para a cativada. O mercado de artesanía e a demostración de artesanía en vivo animou toda a xornada dunha festa que contou coa presenza de medios de comunicación autonómicos e nacionais.

Durante o xantar, as persoas asistentes puideron degustar filloas da pedra, orrella e chourizo no pavillón, ou degustar polbo na carpa situada ao seu carón.

Xa pola tarde, os grupos 7 Ferrados e Os Carunchos animaron a sobremesa nun ateigado pavillón municipal non que non parou de entrar xente durante todo o día para degustar filloas da pedra. Tamén pola tarde, Xavier Castro Pérez presentaba o seu libro ‘Ben mantidos’.

O colofón a esta festa púxoo o multitudinario concerto de Fillas de Cassandra, o primeiro que o dúo galego de moda ofrece na nosa comunidade autónoma. Milleiros de persoas gozaron, cantaron e aplaudiron os temas que interpretaron María e Sara sobre o escenario.