-
A celebración será este domingo 16 de febreiro, dende as 9:30 horas, no pavillón de San Vicenzo
-
O pregón correrá a cargo de Alonso Caxade, mestre e músico
-
A programación tamén inclúe unha ruta ciclista, unha presentación literaria e un obradoiro de estampado de camisetas para a cativada
-
A xornada estará marcada pola presenza de 30 pedras en funcionamento
-
A actuación de Fillas de Cassandra poñerá o broche de ouro á festa a partir das 19:30 horas
Este domingo 16 de febreiro, A Baña acolle a tradicional Festa da Filloa da Pedra, unha celebración que combina gastronomía, cultura e tradición. O evento dará comezo ás 9:30 horas coa apertura das portas do pavillón, onde se poderá gozar ao longo do día dunha variada programación que inclúe o mercadiño de artesanía e a mostra de artesanía en vivo. A festa tamén contará cun amplo espazo gastronómico onde se ofrecerán degustacións de filloas da pedra, orella e chourizos, e a presenza dun polbeiro que sumará un toque único á xornada.
Este ano, 30 pedras estarán en funcionamento para garantir a elaboración continua de filloas ao longo de toda a xornada, ao prezo de 1€ por unidade. Ademais, o sábado 15 de febreiro, as filloas xa se estarán preparando a porta pechada para asegurar que todos os asistentes poidan degustar esta delicia tradicional.
Ás 10:00 h do domingo dará comezo a Ruta Ciclista da Filloa, unha actividade non competitiva que busca promover a práctica deportiva en familia, ao tempo que permite gozar da paisaxe bañense e da gastronomía local. Ás 12:00 h, a música tradicional galega será a protagonista coas actuacións da Escola de Música Tradicional da Baña, formada por músicos locais que traballan para preservar e difundir o legado sonoro galego.
Ao mesmo tempo, a Asociación de Familias de Alumnos e Alumnas (AFA) do CPI San Vicente ofrecerá un obradoiro de estampado de camisetas con collage fotográfico, no que poderán participar nenos e nenas a partir de 7 anos, previa inscrición.
O pregón deste ano será ás 13:00 h, e correrá a cargo de Alonso Caxade, mestre e músico coñecido polo seu traballo educativo na escola unitaria de Lañas e a súa traxectoria artística co seu proxecto de folk-pop Caxade.
A xornada continuará ás 13:30 h co ‘tardeo’ musical, que contará coas actuacións de Trío Alborada, 7 Ferrados e Os Carunchos, tres grupos recoñecidos pola súa contribución á música tradicional galega e a súa capacidade para animar calquera evento festivo. Ás 17:00 h, o historiador e investigador Xavier Castro Pérez presentará o seu libro Ben mantidos. Historia cultural da Gastronomía Galega, un estudo sobre a evolución da alimentación en Galicia e a súa influencia na nosa identidade cultural.
A festa rematará ás 19:30 h co esperado concerto das Fillas de Cassandra, que poñerán o broche de ouro ao evento.
Iniciativa para a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia
A Festa da Filloa da Pedra da Baña está organizada polo Concello da Baña, coa colaboración da Deputación da Coruña e Ternera Gallega e conta cunha longa tradición e mantén vivo un proceso de elaboración único, que atrae a miles de persoas cada ano.
Na pasada edición de 2024, participaron arredor de 10.000 persoas e repartíronse máis de 6.000 filloas.
O Pleno do Concello da Baña aprobou por unanimidade iniciar o expediente para solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, e estase a traballar na recompilación de documentos históricos e fotografías antigas coa colaboración da veciñanza. Ademais, este domingo levarase a cabo durante a Festa unha recollida de sinaturas para apoias esta iniciativa.
A Festa da Filloa da Pedra é, sen dúbida, unha cita imprescindible no calendario festivo de A Baña, que mestura a tradición, a gastronomía e a cultura para crear unha xornada memorable para todos os asistentes.