O Concello da Baña, en colaboración co tecido asociativo do municipio, continúa a campaña para conseguir que a Festa da Filloa da Pedra sexa recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia. No marco desta iniciativa, o vindeiro domingo 16 de febreiro, coincidindo coa XXI edición da festa, levarase a cabo unha recollida de sinaturas para amosar o apoio da veciñanza a esta solicitude.
Tras máis de dúas décadas de celebración oficial, a Festa da Filloa da Pedra consolidouse como un referente gastronómico e cultural, atraendo cada ano a centos de persoas. Agora, o Concello quere que este recoñecemento institucional faga xustiza á súa importancia e tradición. Para logralo, é fundamental demostrar o arraigamento da festa na nosa terra.
Durante a celebración, habilitarase un espazo para que todas as persoas que queiran apoiar esta iniciativa poidan asinar. O Concello anima á veciñanza e a todas as persoas asistentes a sumarse e compartir esta acción, para que a nosa festa máis emblemática siga medrando e reciba o recoñecemento que merece.