Música en directo e mercado de artesanía acompañarán a degustación desta delicia bañense no pavillón de San Vicenzo
O pregón correrá a cargo de Alonso Caxade, mestre e músico, e a programación tamén inclúe unha ruta ciclista, unha presentación literaria e un obradoiro de estampado de camisetas para a cativada
A presentación da festa tivo lugar este xoves na Aula Gastronómica da Praza de Abastos de Santiago, coa elaboración de filloas en directo
A Aula Gastronómica da Praza de Abastos de Santiago acolleu este xoves a presentación da XXI Festa da Filloa da Pedra da Baña, que se celebrará o vindeiro domingo 16 de febreiro no pavillón de San Vicenzo. No acto interviñeron Mónica González, concelleira de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía do Concello da Baña; Emilio Lois, responsable da programación cultural da festa; e Elena López García, quen elaborou filloas da pedra en directo.
Asistiron á presentación o alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil; a concelleira de Festas de Santiago de Compostela, Pilar Lueiro; membros do equipo de goberno e da Corporación da Baña; e a xerente do GDR Terras de Compostela, Chefa Fernández.
A concelleira Mónica González destacou a importancia desta festa como parte do patrimonio gastronómico e cultural da comarca, lembrando que o Pleno do Concello da Baña aprobou por unanimidade iniciar o expediente para solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia. Neste sentido, sinalou que xa se está a traballar na documentación necesaria para poñer en valor a tradición e singularidade da Festa da Filloa da Pedra. Para iso, estase a elaborar un informe histórico e a recompilar fotografías antigas coa colaboración da veciñanza. Ademais, González quixo agradecer expresamente o traballo das persoas voluntarias que colaboran na elaboración das filloas, destacando o seu compromiso e dedicación para que a festa sexa un éxito.
Pola súa banda, Emilio Lois fixo fincapé na aposta pola música tradicional e pola cultura galega como elementos fundamentais do evento. "Este ano contaremos cun cartel de luxo, encabezado por Fillas de Cassandra, un grupo que está a revolucionar a escena musical galega cunha proposta innovadora que combina a tradición coas novas tendencias", explicou. Ademais, a programación incluirá actuacións de grupos como Trío Alborada, 7 Ferrados e Os Carunchos, así como da Escola de Música Tradicional da Baña, que abrirá as actuacións musicais ás 12.00 horas.
Unha xornada chea de tradición e cultura
A festa comezará ás 9.30 da mañá coa apertura das portas do pavillón, onde ao longo do día se poderá visitar o mercadiño de artesanía, ademais de gozar dunha mostra de artesanía en vivo. Paralelamente, ofreceranse degustacións de filloas da pedra, orella e chourizos, ademais de contar coa presenza dun polbeiro. Este ano haberá 30 pedras en funcionamento para garantir unha elaboración continua de filloas, cun prezo de 1€ por unidade. Ademais, o sábado traballarase a porta pechada para acumular unha boa cantidade de filloas e garantir que ningunha persoa quede sen probar esta delicia tradicional.
Ás 10.00 h dará comezo a Ruta Ciclista da Filloa, unha actividade non competitiva que busca fomentar a práctica deportiva en familia e desfrutar dunha mañá diferente ao redor da gastronomía e da paisaxe bañense. A partir das 12.00 h, a música encherá o recinto coa actuación da Escola de Música Tradicional da Baña, formada por músicos locais que están a preservar e difundir o legado sonoro galego. Á mesma hora, comezará o obradoiro de estampado de camisetas con collage fotográfico, organizado pola Asociación de Familias de Alumnos e Alumnas (AFA) do CPI San Vicente, no que poderán participar nenos e nenas a partir de 7 anos con inscrición previa.
O pregón deste ano será ás 13.00 h e correrá a cargo de Alonso Caxade, mestre e músico, coñecido tanto pola súa implicación educativa como pola súa traxectoria artística a través do proxecto de folk-pop que levou o seu nome, Caxade. O seu traballo na escola unitaria de Lañas deixou unha fonda pegada no ámbito educativo e cultural bañense.
Fin de festa con Fillas de Cassandra
Ás 13.30 h comezará o ‘tardeo’ con música en directo. O Trío Alborada abrirá o programa, seguido dos grupos 7 Ferrados e Os Carunchos, recoñecidos pola súa contribución á música tradicional galega e pola súa capacidade para animar calquera evento festivo.
Ás 17.00 h terá lugar a presentación do libro Ben mantidos. Historia cultural da Gastronomía Galega, de Xavier Castro Pérez. Este historiador e investigador analizará a evolución da alimentación en Galicia e a importancia da gastronomía na nosa identidade cultural.
A xornada pecharase cun concerto moi agardado: ás 19.30 h Fillas de Cassandra subirán ao escenario para poñerlle o broche de ouro á festa cun espectáculo cheo de enerxía e tradición reinterpretada.
Unha festa con arraigamento e proxección
A Festa da Filloa da Pedra da Baña está organizada polo Concello da Baña, coa colaboración da Deputación da Coruña e Ternera Gallega. Conta cunha longa tradición e mantén vivo un proceso de elaboración único. Durante a última edición, en 2024, participaron arredor de 10.000 persoas e repartíronse máis de 6.000 filloas.
Coa solicitude de declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, o Concello da Baña espera seguir impulsando e recoñecendo este evento como un dos referentes gastronómicos e culturais máis importantes da provincia.