O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, volveu mandarlle este xoves unha carta ao xerente da área sanitaria de Santiago, Ángel Facio, reclamando que o servizo de Pediatría do centro de saúde da Baña se manteña, polo menos, 2 días a semana.
A tenente de alcalde, Mónica González, tamén denunciou a situación a primeira hora da mañá e esíxelle ao Sergas que se manteña a consulta da pediatra na Baña os días estipulados.
Dende o Concello denuncian o prexuízo que supón para as familias da Baña que a pediatra non acuda á consulta os días estipulados, como ocorreu hoxe. “Isto supón un trastorno para as familias que se ven obrigadas a desprazarse ata o servizo de urxencias de Santiago para que atendan aos seus fillos e fillas”, conclúe o alcalde na súa misiva ao xerente.
O concello eleva esta protesta ao Sergas porque este xoves a pediatra non acudiu a súa consulta no “centro de saúde da Baña nin está traballando na Picota. Parece ser que no día e hoxe está traballando en Bertamiráns”, relata o alcalde na carta. Unha circunstancia que obriga as familias da Baña a desprazarse ata o servizo de urxencias do CHUS, en Santiago, “porque os nenos non poden ser atendidos en Bertamiráns”, asegura Pereira Gil.
O alcalde pide que a pediatra do Concello da Baña, ou o profesional que a substitúa, continúen atendendo os martes e xoves no centro de saúde do concello. “Que atenda dous días á semana é pouco, pero que non funcione ningún día supón un trastorno para as familias”, asegura José Antonio Pereira.