-
A celebración terá lugar no pavillón de San Vicenzo, garantindo que a cativada poida desfrutar desta xornada a pesar das previsións de choiva
-
A chegada de Gaspar, Melchor e Baltasar será ás 17:00 horas
-
A veciñanza poderá gozar dunha chocolatada, rosca e do espectáculo Os Fabulosos Cleaners
O Concello da Baña ten todo preparado para dar a benvida ás Súas Maxestades de Oriente este domingo, 5 de xaneiro, no pavillón de San Vicenzo. A pesar das previsións meteorolóxicas, a celebración terá lugar nun espazo cuberto, garantindo que toda a veciñanza poida desfrutar desta xornada máxica sen preocuparse pola choiva.
A programación está deseñada para ofrecer unha tarde de actividades para todas as idades. A primeira das citas será ás 17:00 horas coa esperada chegada dos Reis Magos. Melchor, Gaspar e Baltasar virán cargados de agasallos e dispostos a atender as peticións das nenas e dos nenos que se acheguen ao recinto. Cada un dos cativados e cativas recibirá un obsequio, mentres que todas as persoas asistentes no pavillón de San Vicenzo poderán desfrutar dende as 18:00 horas dunha chocolatada quente acompañada de rosca.
A festa rematará ás 18:45 horas cun espectáculo visual ofrecido polos Fabulosos Cleaners, unha proposta artística a cargo de Malasombra Producións que incluirá impresionantes pompas de xabón, pensada para entreter e sorprender ao público.
O Concello anima á veciñanza a participar neste evento que se enmarca dentro da programación de Nadal, e a gozar dun ambiente máxico e familiar nunha tarde chea de ledicia, ilusión e tradición.