• A recadación íntegra das inscricións destinarase á investigación das GRINpatías //
  • Ademais da carreira absoluta, haberá outra para menores e unha proba supersprint aberta á participación popular //
  • Todos os atletas recibirán unha camiseta e serán agasallados con petiscos na liña de meta //

Este luns 27 de febreiro quedou aberto o prazo de inscrición para participar no I Dúatlon da Baña, que se disputará o domingo 26 de marzo e será a terceira das catro probas clasificatorias para o campionato galego da especialidade en estrada. Trátase dunha carreira técnica e esixente que permitirá coñecer as paraxes bañenses e que se destaca pola súa vertente solidaria a prol da Asociación Española de GRINpatías, tal e como subliñaron esta mañá os organizadores durante a presentación da proba no Salón de Plenos do Concello da Baña. A participación, que a priori se estima nuns 400 atletas, abrangue as categorías benxamín, infantil, cadete, xuvenil e absoluta. Ademais, haberá unha carreira popular na que poderán participar todas aquelas persoas que o desexen sen necesidade de estar federadas.

O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso; o concelleiro de Promoción de Vida Activa e Deporte, César Ramos; a secretaria da Federación Galega de Tríatlon, Mónica Flores; o presidente da Asociación Española de GRINpatías, Andrés Domínguez; e a vicepresidenta e o secretario do Club Cervecería Cotón de Negreira, Ana Ramos e Alejandro Caamaño, presentaron hoxe no Concello da Baña a primeira edición do Dúatlon Solidario da Baña. Programado para a mañá do domingo 26 de marzo, del sairán 22 dos deportistas que participarán o 30 de abril en Lugo no campionato autonómico de dúatlon e que se unirán aos xa clasificados nas probas celebradas en Poio e Santiago e aos que se clasificarán con posterioridade en Vimianzo.

20230227 134629 web

O I Dúatlon da Baña comezará ás 9 da mañá cunha carreira para menores (categorías benxamín e infantil), ás que seguirá un circuíto supersprint (para cadetes, xuvenís e júniors), unha proba masculina sen corte e, como peche, as clasificatorias de homes e mulleres. O circuíto supersprint servirá tamén como proba de promoción do duatlón e, no caso de quedar prazas sobrantes, no mesmo poderán participar todas as persoas que queiran coñecer este deporte.

As inscricións realizaranse en liña ata o 21 de marzo na páxina da Federación Galega de Triatlón, se ben hai que puntualizar que, no caso da proba supersprint, se pechará o día 14 de marzo para deportistas con licenza coa fin de poder abrila ao día seguinte, 15 de marzo, para o público en xeral. En todos os casos, o prezo da inscrición destinarase integramente á investigación das GRINpatías, doezas que pertencen ao grupo de enfermidades raras e están asociadas á alteración duns xens denominados GRIN que inflúen na memoria e na aprendizaxe.

A maiores do prezo da inscrición, todos os atletas que queiran poderán aumentar a súa doazón no momento de formalizar a reserva de praza. Así mesmo, e aínda que non participen no dúatlon, as persoas que queiran contribuír poderán facelo a través da conta bancaria IBAN-ES 58 2100 0863 2302 0068 7153 da Asociación Española de GRINpatías.

Premios e agasallos

Levarán medallas as tres primeiras clasificadas e clasificados de cada categoría (absoluta, veterano 1, 2 e 3, sub23, xuvenil e júnior) e trofeo os tres primeiros clubes, tanto en mulleres como en homes. Ademais, haberá premios en metálico para os podios feminino e masculino (150€, 100€ e 50€) e o primeiro club en mulleres e en homes (200 euros).

Ao remate da carreira, todas as persoas participantes serán agasalladas cunha camiseta e uns petiscos.

Durante a presentación, a maiores de agradecer á colaboración de todos os patrocinadores, o alcalde da Baña manifestou o seu desexo de que o 26 de marzo “faga bo día” para poder desfrutar dunha auténtica festa do deporte e da solidaridade. “Queremos ter a maior participación posible para que a recadación da Asociación Española de GRINpatías sexa todo un éxito”, sinalou Andrés García.

Pola súa parte, César Ramos destacou o esforzo da Concellaría de Promoción de Vida Activa e Deporte por “dar a coñecer e ofrecer no noso municipio disciplinas deportivas que non son tan populares”. Nesta liña, Mónica Flores, secretaria da Federación Galega de Triatlón, incidiu en que a proba será técnica e esixente para facela atractiva de cara aos participantes e que o deseño do percorrido responde tamén ao desexo da corporación municipal de divulgar as paraxes da Baña.

Alcalde e concelleiro pediron a colaboración cidadá para que a proba se desenvolva sen incidentes e recordaron que terán que cortar ao tráfico algunhas rúas na mañá do domingo 26 de marzo.

Consulta aquí as bases: Circuíto Duatlón // Supersprint e menores

duatlon