-
A rúa Castelao e as inmediacións da casa consistorial permanecerán pechadas ao tráfico ao longo da mañá do domingo 2 de outubro
-
O Concello recomenda utilizar accesos alternativos á rúa Castelao para achegarse aos aparcadoiros habilitados no polideportivo e campo de fútbol
-
Prégase a colaboración da veciñanza para evitar aparcar os vehículos na Praza do Concello e na marxe dereita da rúa Castelao no transcurso do desenvolvemento da proba deportiva
Con motivo do Trail da Baña 2022, que se celebrará este domingo, 2 de outubro, en San Vicenzo, o Concello informa á veciñanza, a través dun bando, que a entrada principal á vila pola rúa Castelao sufrirá algunhas restricións na circulación e no aparcamento de vehículos. Así mesmo, e para facilitar o desenvolvemento da proba, o Concello habilitará tres zonas de estacionamento e dous puntos de aseo para os corredores e corredoras, no polideportivo e no campo de fútbol municipais.
A rúa Castelao e as inmediacións da casa consistorial da Baña, no cruce coa rúa Xacinto Rodríguez e coa Praza do Concello, onde está prevista á saída dos e das atletas, permanecerán cortadas ao tráfico ao longo de toda a mañá, dende ás 9.00 horas e ata ás 16.00 horas. O Concello da Baña tamén apela á colaboración da veciñanza para que, na medida do posible, evite deixar os seus vehículos aparcados na Praza do Concello e na marxe dereita da rúa Castelao en dirección a Negreira durante toda a mañá do domingo. Deste xeito, facilitarase o bo desenvolvemento do trail e evitaranse posibles obstáculos.
Para favorecer o estacionamento de toda a veciñanza e das persoas que este domingo se acheguen á capital da Baña, ben para participar no trail ou ben para ver a proba, o Concello informa que se habilitaron tres zonas de aparcamento. Dúas delas están situadas nas inmediacións do polideportivo municipal de San Vicenzo, fronte ao mesmo e na rúa Tedelle, e unha terceira xunto ao campo de fútbol de Agra de Cartas. Os e as atletas disporán de duchas para asearse tanto no polideportivo municipal coma no campo de fútbol.
Para chegar á vila recoméndanse dous accesos alternativos á rúa Castelao dende a estrada AC-444. O primeiro por Señor, utilizando o desvío que hai inmediatamente antes da piscina para dirixirse despois ao polideportivo municipal. E o segundo no seguinte desvío cara A Baña despois da rotonda, localizado no cruce da AC-444 coa rúa Rosalía de Castro, para dirixirse ao campo de fútbol de Agra de Cartas.
O Concello da Baña agradece a colaboración da veciñanza e lamenta as molestias que poidan ocasionar as restricións de cortes de circulación durante o desenvolvemento da proba deportiva.