O pavillón municipal de San Vicenzo acollerá o domingo 18 de setembro o I Torneo de Xadrez Concello da Baña, unha proba puntuable para o VI Circuíto Intercomarcal de Xadrez da Deputación da Coruña. Trátase dunha competición de xadrez rápido que repartirá un total de 700 euros en premios: para os 10 primeiros clasificados, por categorías e por idade e, por último, para os mellores deportistas locais.
O torneo disputarase ao longo de todo o día seguindo o sistema de xogo suízo, con 7 ou 8 rondas segundo o número de xogadores e xogadoras. A primeira rolda disputarase ás 11.30 h e a cerimonia de clausura está prevista para as 19.00 h. Entrementres, unha chea de partidas cun ritmo de xogo de 10 minutos e emparellamentos realizados mediante un programa informático decidirán os máis de 20 premiados en total.
Os tres primeiros clasificados recibirán un trofeo e un premio en metálico de 120€, o primeiro; 100€ o segundo e 80€ o terceiro. Tamén haberá premios en metálico da cuarta á décima posicións e diferentes galardóns atendendo ás categorías por idade dos participantes, así como un recoñecemento para os tres mellores xadrecistas da Baña. Ademais, sortearanse agasallos para os non premiados.
A inscrición no I Torneo de Xadrez Concello da Baña está aberta ata o sábado 17 de setembro, un día antes da competición. Ten un custo xeral de 8€, se ben os sub-16 e xogadores/as locais pagarán 5€, e pode realizarse por teléfono (617 234 393) ou por correo electrónico (Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.).
O torneo está organizado polo Club Xadrez Arteixo e conta co patrocinio do Concello da Baña e coa colaboración da Deputación da Coruña e da empresa Lau Creaciones. Ademais de ser puntuable para o VI Circuíto Intercomarcal de Xadrez da Deputación da Coruña, tamén é válido para ELO FIDE de xadrez rápido (sistema de cualificación da Federación Internacional de Xadrez), en cuxo caso cómpre estar federado/a. As bases da competición poden consultarse no arquivo adxunto.