• A atleta natural da Baña gañou na Coruña a medalla de prata nos 5.000 metros marcha do Campionato galego absoluto ao aire libre

  • O seu obxectivo: mellorar a súa marca nos 10 quilómetros rebaixándoa en cinco minutos

20220723 Alba Perez Nieto subcampioa galega 5000 Marcha 00001

A atleta Alba Pérez Nieto, natural de Corneira (A Baña), vén de acadar a medalla de prata nos 5.000 metros marcha no Campionato galego absoluto ao aire libre celebrado na Coruña. Quedou no segundo posto cun tempo de 27:09:23 minutos. Para esta nova promesa do deporte da comarca de Barcala, que milita no Club de Atletismo de Negreira, o importe non é o premio en si mesmo, aínda que se sinte orgullosa de telo acadado. “O importe é chegar ata aquí”, di, subliñando que detrás de cada proba “hai moito traballo. Esforceime moito por chegar ata ese campionato e fixen todo o que puiden para acadar a mellor marca posible, aínda que me houbese gustado que o resultado fose outro”.

“Para mi o atletismo é un xeito de vida, unha práctica que che ensina a afrontar os problemas”, indica a deportista, engadindo que “é unha forma de desafogarte e ver as cousas dende outra perspectiva”. Ela leva o atletismo e a marcha tatuado a fondo. “Hai veces que o corpo di que hai que descansar, pero cando, por algunha razón, non podo ir aos adestramentos, fáltame algo”.

A atleta recalca que “aquí nada cho dan gratis. Todo depende de ti, da túa forza de vontade, do teu traballo, do teu esforzo”. E iso é precisamente a mensaxe que quere transmitir a todas aquelas persoas mozas que se queiran dedicar a esta práctica deportiva. “Non hai escusa que valga: chova, faga frío ou calor hai que adestrar, saír a correr. Todo é importante para sumar quilómetros aínda que un ou unha non estea ao cento por cento”. Ela adestra entre 4 e 5 días á semana durante dúas horas nun circuíto variable a cabalo dos municipios de Negreira e da Baña, segundo as probas ás que se presente.

Alba Pérez Nieto comezou no mundo do atletismo hai “5 ou 6 anos”. Antes xogaba ao fútbol, na Baña. Lembra que as primeiras carreiras ás que concorreu “foron as de cross, cando estaba no colexio, da man dun profesor que se chamaba Nacho”. Esas primeiras experiencias e que unha curmá facía atletismo levaron a esta bañense por un novo camiño alleo ao fútbol. Así foi como se mergullou  no atletismo e xa conta cun bo palmarés ás súas costas.

Alba Pérez ten claro cal é o seu obxectivo para os vindeiros meses. “Quero mellorar a miña marca nos 10 quilómetros, pasando dos algo máis de 55 minutos aos 50 minutos. Iso sería o desexable, aínda que me conformaría con rebaixar esa marca en 3 ou 4 minutos. Tamén ser capaz de facer os 20 quilómetros”.

Dende o Concello da Baña, o alcalde, Andrés García Cardeso, e o concelleiro de Promoción da Vida Activa e Deporte, César Ramos, felicitaron á deportista de Corneira por este magnífico resultado. O Campionato galego absoluto de 5 km marcha celebrouse o pasado día 23 na Coruña. A campioa feminina foi Oleksandra Kostenko, o club Atlética Lucense, cun tempo de 26:08:58. A segunda praza foi para Alba Pérez (27:09:23) e o terceiro posto para Salomé Segade Buide, co CA Santiago, cun tempo de 27:36:37.

O pasado mes de decembro, Alba Perez recibíu un recoñecemento do Concello da Baña durante a celebración da carreira San Silvestre

Alba perez nieto correndo San Silvestre Bana 2021 ALF2832