- O alcalde subliña que o informe da Xunta non é unha aprobación, porque está condicionado a que se cumpran os requisitos que figuran no documento publicado no DOG //
Os técnicos municipais do Concello da Baña están a analizar en profundidade o informe de 31 páxinas coa declaración de impacto ambiental (DIA) formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, relativa ao proxecto do parque eólico de Vilartoxo, que afecta aos concellos da Baña e de Val do Dubra. A devandita declaración saíu publicada o xoves, 15 de decembro no Diario Oficial de Galicia (DOG). O informe íntegro pode descargarse dende a páxina da Consellería (neste enlace) ou dende o arquivo adxunto.
O alcalde, Andrés García Cardeso, subliña que o informe da Xunta non representa unha aprobación formal do mesmo, senón que a súa aprobación está supeditada a que se cumpran os condicionados que figuran ao longo do documento. García Cardeso remarca que “na declaración de impacto ambiental, A Xunta requírelle á empresa unha serie de documentación e cambiar moitos puntos do proxecto inicial, polo que a aprobación da devandita declaración está condicionada a que se cumpran todos eses puntos”, indica o alcalde.
Na declaración publicada no DOG, a Dirección Xeral resolve “formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico de Vilartoxo, considerando que o proxecto, segundo a documentación aportada polo órgano substantivo, é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo dese documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto” nesta declaración de impacto ambiental.
Na mesma resolución, a Xunta establece que “ademais do obrigado cumprimento das condicións sinaladas” no documento, “se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental poderá ditar, do xeito que proceda, os condicionados adicionais que resulten oportunos”.
Por outra banda, lembrar que ata o vindeiro 30 de decembro pódense presentar alegacións ao anuncio de solicitude pública, e a conseguinte necesidade de urxente ocupación, do proxecto do parque eólico de Vilartoxo. Aquelas persoas que o desexen poden descargar da web municipal a alegación tipo que o Concello da Baña pon a disposición da veciñanza.