-
O obxectivo é paliar o trazado sinuoso deste tramo da AC-406 para favorecer a conducción
-
O contrato supón un investimento de 18.000 euros
A Xunta vén de adxudicar a redacción do proxecto de mellora da AC-406 que une Santa Comba con Portomouro, no treito situado entre Paramos e Faílde ao seu paso polos concellos de Val do Dubra e da Baña.
Así llo trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, nunha reunión de traballo que se desenvolveu esta mañá e na que tamén participaron a alcaldesa de Santa Comba, María Josefa Pose; o rexedor de Val do Dubra, José Manuel Varela; e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.
O contrato de redacción do proxecto, que foi adxudicado á empresa Vivero de Soluciones para la Ingeniería por un importe de máis de 18.000 euros, ten como obxectivo definir as actuación necesarias para mellorar o trazado dun treito de 3,7 quilómetros da AC-406, entre Paramos e Faílde, para incrementar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade nesa zona.
En concreto, intervirase nun treito sinuoso comprendido entre os puntos quilométricos 18+700 e 22+400 coa idea de favorecer a condución das persoas que se desprazan entre a contorna de Santa Comba e Santiago de Compostela.
Con esta actuación, a Xunta daralle continuidade ao treito xa en servizo entre Abuín e o parque empresarial de Santa Comba, obras nesta mesma estrada AC-406 que supuxeron un investimento autonómico de 3,21 M€. A reunión desta mañá tiña precisamente como fin darlle pulos ao plan estratéxico en infraestruturas para A Baña, Val do Dubra e Santa Comba.