20251023 Compostaxe CPIO CPI San Vicente da Baña, en colaboración co Concello da Baña, arranca este curso 2025-2026 un proxecto de compostaxe comunitaria que, asociado ao proxecto de horto escolar que xa levan a cabo, completa o mecanismo de reciclaxe de materia orgánica que se está a implantar no municipio, achegando un exemplo de sostibilidade ambiental a toda a comunidade local.

Durante o curso 2025-2026, o Concello da Baña traballará xunto con XIHAHO, empresa especializada na xestión de proxectos medioambientais, para formar o profesorado e o alumnado e levar a cabo este proxecto de compostaxe comunitaria. Para iso impartiranse unha serie de webinars temáticos ao longo do ano escolar.

Tamén se está a formar como mestre composteiro un dos traballadores do Concello, co obxectivo de darlle continuidade ao proxecto e facelo extensivo ao conxunto dos veciños e veciñas.

En breve, anunciaranse accións formativas para toda a veciñanza, así como a creación dun espazo divulgativo sobre compostaxe individual e comunitaria, que lle permitirá ao Concello da Baña cumprir coa Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular.

Con esta iniciativa, o Concello da Baña reforza o seu compromiso cunha xestión de residuos máis sostible e respectuosa co medio ambiente.

Esta nova actuación está financiada a través dunha subvención da liña 2 do programa MT975T, enmarcada na Orde do 17 de decembro de 2024, publicada no Diario Oficial de Galicia, e cofinanciada pola Unión Europea a través dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia-NextGenerationEU.