O venres 31 de outubro, ás oito e media da tarde, celebrarase na Casa da Cultura unha reunión informativa dirixida á veciñanza dentro do programa A Baña Composta. Durante o encontro, persoal especializado explicará como realizar correctamente a reciclaxe da materia orgánica, así como o funcionamento dos novos composteiros comunitarios instalados na parroquia.
Ademais, falarase dos beneficios ambientais que supón este sistema de xestión dos residuos, baseado na redución do lixo e na valorización dos restos orgánicos a través da compostaxe.
O alcalde, José Antonio Pereira Gil, lembra nun bando que a nova normativa obriga a separar a materia orgánica do resto do lixo, polo que resulta fundamental a colaboración e participación de toda a veciñanza para adaptarse a esta medida e mellorar a xestión dos residuos no municipio.
Esta actuación está financiada a través dunha subvención da liña 2 do programa MT975T, enmarcada na Orde do 17 de decembro de 2024, publicada no Diario Oficial de Galicia, e cofinanciada pola Unión Europea a través dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia-NextGenerationEU.