• A xuntanza aproveitouse para presentar o garda rural que se encargará de velar polo seu correcto cumprimento //

  • A modificación do regulamento busca minizar o dano nas vías públicas //

  • Establece a obriga de comunicar as tallas de máis de 5 TM con quince días de antelación e estar en posesión dunha licenza bianual para carga e transporte //

  • Fixa, ademais, fianzas obrigatorias e multas de ata 1.500 euros //

 

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, na compaña do concelleiro de Obras, Urbanismo e Medio Rural, Jesús Manuel Pena, reuniuse este venres na Casa Consistorial cos empresarios do sector madeireiro que operan no municipio. A xuntanza centrouse no desenvolvemento da ordenanza municipal sobre a corta de árbores e aproveitouse tamén para presentar o garda rural que se encargará de velar polo seu correcto cumprimento.

O goberno municipal citou o sector empresario da madeira para tratar os cambios na ordenanza municipal que regula as plantacións e as cortas de árbores. A modificación desta norma, publicada no BOE o pasado mes de abril, ten como obxectivos principais minimizar os danos nas vías públicas e mellorar a xestión ambiental das cortas.

Entre os cambios introducidos na nova normativa destacan a obrigatoriedade de comunicar as tallas das árbores con 15 días hábiles de antelación cando superen as cinco toneladas e o establecemento de licenzas bianuais para as tarefas de depósito, carga e transporte de madeira.

Ademais, fíxanse fianzas obrigatorias de 1.600 euros para vehículos de menos de 16 toneladas e de 3.100 euros se os vehículos teñen 16 toneladas ou máis.

A persoa responsable da limpeza das vías e dos posibles danos causados nas mesmas será quen realice a talla e/ou a persoa propietaria, enfrontándose no caso de incumprimento das normas a sancións que oscilan entre os 300 e os 1.500 euros en función da súa gravidade.