- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Emprego e Desenvolvemento INICIO
- Visto: 1228
Voluntarias e voluntarios da Baña comezaron esta tarde a quentar as pedras e facer as primeiras filloas para poder saciar a fame de todos os que mañá se acheguen ata o polideportivo de San Vicente durante o día grande da Festa da Filloa da Pedra. Nesta ocasión, o traballo foi máis pracenteiro grazas a Foliada Filloeira que preparou a organización como novidade da décimo sexta edición desta exaltación gastronómica.
As Pandeireteiras e a Escola de Gaitas da Baña estiveron acompañados durante a tarde deste sábado por As Xoubas e Os Viracunchos do OCT Ultreia (de Santiago), Tíralle do Aire (Negreira) e a charanga Os Sentenarios (de Muros). Entre filloa e filloa, e vendo o animado do ambiente, voluntarias e voluntarios animábanse a botar algunha baila (podes ver o album de fotos no facebook do Concello, neste enlace)
O Concello da Baña e a Asociación Filloa da Pedra teñen preparados 1.400 litros de amoado, feito con auga, fariña, ovos e sal para facer uns cantos miles de filloas. Deles, uns 400 litros xa se acabarán o sábado. Mañá, domingo, dende as dez da mañá, as 36 pedras de 50x50 centímetros estarán dando unha filloa cada sete minutos, aproximadamente, mentres as 100 persoas voluntarias se irán repartindo entre atender as pedras, á cantina, aos visitantes e para servir tamén os chourizos, orellas, nata, mel e, como novidade este ano, o cocido para acompañar ás filloas.
A ruta BTT Filloa da Pedra, que nas dúas edicións anteriores se celebraba o día grande da festa, trasladouse este ano para o domingo 17 de marzo. Os amantes ao ciclismo teñen ese día unha cita para coñecer os excelentes paisaxes da Baña. As inscricións pódense facer na páxina web do Concello da Baña.
Programa para o domingo
O domingo 24 será o día grande da XVI Festa da Filloa da Pedra no polideportivo de San Vicenzo, que abrirá ao público a partir das 10.00 horas. Durante todo o día os asistentes poderán degustar as excelentes filloas da pedra que elaborarán as voluntarias e voluntarios da Asociación e que se servirán soas, con chourizo, nata ou mel, coma todos os anos. A novidade desta edición é que as filloas serviranse tamén acompañadas da súa parella perfecta: o cocido.
Os Campantes da Baña e a agrupación Sarillo de Aiazo serán os encargados de poñer a música pola mañá, con actuación ás 12.30 e 14.30 horas, respectivamente. Os máis pequenos terán un espectáculo dedicado para eles as 16.30 horas cos Animacreques, e a partir das seis da tarde a Orquestra Charlestong Big Band animará a verbena.
O Estudo obradoiro de cerámica Alén das Olas impartirá talleres de cerámica durante todo o día, e para repoñer forzas, ademais de degustar as ricas filloas da pedra da Baña, os asistentes poderán achegarse ata os postos de polbo e churrasco que se instalan nas inmediacións do polideportivo municipal.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Emprego e Desenvolvemento INICIO
- Visto: 1509
Unha foliada con música tradicional galega é a gran novidade da XVI Festa da Filloa da Pedra da Baña, que amplía a súa programación a dous días de exaltación da cociña tradicional galega. O sábado pola tarde, de cinco a nove no polideportivo de San Vicenzo, haberá música tradicional e degustación de filloas. A Asociación da Filloa da Pedra da Baña mobilizará 100 persoas voluntarias para facer filloas nas 36 pedras de 50x50 centímetros habilitadas para a ocasión cos 1.400 litros de amoado que se prepararán nos dous días. Outra das novidades deste ano é que o domingo a filloa poderá degustarse coa súa parella preferida: o cocido.
A exaltación da festa da filloa da pedra nacía en 2004 promovida polo Concello da Baña, ata que en 2007 nace a Asociación Filloas da Pedra da Baña, que dende entón coorganiza co concello esta exaltación gastronómica que viaxou xa a diferentes países. “Hoxe o Concello da Baña é coñecido en moitos lugares grazas a esta festa. A filloa quere devolverlle parte dese esforzo e axudar a mellorar o futuro do noso concello”, sinalaba Mónica Tomé, secretaria da asociación, no acto de exaltación da filloa celebrado no Pazo de Cores, no que se deron cita tamén as festas das filloas de Lestedo, Zas e Muimenta.
Nesta decimosexta edición, os actos comezarán o sábado, día 23, ás cinco da tarde no polideportivo de San Vicenzo. Alí estarán xa os voluntarios da asociación preparando filloas cuns 400 litros de amoado, para ofrecer como degustación e ir gardando algunhas para o día seguinte. Sobre as 17.30 comezará a Foliada Filloeira, na que intervirán as Pandeireteiras da Baña, As Xoubas e os Viracunchos do COT Ultreia (de Santiago), Tíralle do Aire (Negreira), a charanga Os Sentenarios (de Muros) e os integrantes da Escola de Gaita da Baña.
E entre peza e peza, baile e baile, os asistentes poderán ver traballar en directo as filloeiras e filloeiros preparando este produto típico da gastronomía galega, ademais de degustar as ricas filloas da pedra. Eso si, o sábado serviranse soas.
O domingo 24 será o día grande da XVI Festa da Filloa da Pedra no polideportivo de San Vicenzo, que abrirá ao público a partir das 10.00 horas. Durante todo o día os asistentes poderán degustar as excelentes filloas da pedra que elaborarán as voluntarias e voluntarios da Asociación e que se servirán soas, con chourizo, nata ou mel, coma todos os anos. A novidade desta edición é que as filloas serviranse tamén acompañadas da súa parella perfecta: o cocido.
Os Campantes da Baña e a agrupación Sarillo de Aiazo serán os encargados de poñer a música pola mañá, con actuación ás 12.30 e 14.30 horas, respectivamente. Os máis pequenos terán un espectáculo dedicado para eles as 16.30 horas cos Animacreques, e a partir das seis da tarde a Orquestra Charlestong Big Band animará a verbena.
O Estudo obradoiro de cerámica Alén das Olas impartirá talleres de cerámica durante todo o día, e para repoñer forzas, ademais de degustar as ricas filloas da pedra da Baña, os asistentes poderán achegarse ata os postos de polbo e churrasco que se instalan nas inmediacións do polideportivo municipal.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Emprego e Desenvolvemento INICIO
- Visto: 1304
O vindeiro mércores 6 de marzo celebrarase o I Torneo de Xadrez do Concello da Baña. O Centro Social e da terceira idade do concello acollerá o campionato entre as 17:00 e 19:00 horas. No mesmo lugar, haberá tamén un espazo libre con profesores de xadrez para aprender a aqueles interesados que non saiban xogar. O obxectivo da actividade é promocionar este deporte entre a veciñanza, de cara á formación dun club municipal de xadrez no futuro.
As inscricións faranse no número de teléfono 633 447 674, preferiblemente a través de WhatsApp. Todos os participantes recibirán unha medalla e haberá trofeos para o mellor local, campión sub-8, sub-10 e sub-14.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Emprego e Desenvolvemento INICIO
- Visto: 1784
O sábado, día 9 de marzo de 2019 ás 17:00 horas, terá lugar o desfile de comparsas e carrozas do Entroido do Concello da Baña, aberto a todas aquelas persoas que desexen participar. O desfile sairá da rúa Xacinto Rodríguez e concluirá na rúa Tedelle. Unha vez rematado, outorgaranse os premios de cada categoría. A cativada poderá participar nas actividades organizadas no polideportivo.
Os participantes dividiranse nas categorías de individual, parella, comparsa e carroza. Os gañadores dos premios por parellas e individuais, conseguirán 70 euros de premio. No caso das comparsas e as carrozas, o 1º premio será de 400 euros, o 2º de 200 euros, o 3º de 100 euros e o 4º de 75 euros.
As inscricións faranse no teléfono 981 886 501, ou no Concello da Baña ata o sábado 9 de marzo, día do desfile, ás 16:00 horas. Para participar é necesario aceptar as bases do concurso.
O xurado estará composto por 3 persoas como mínimo e sempre en número impar. A súa valoración basearase na orixinalidade, elaboración e acabados, adaptación e interpretación da temática escollida polos participantes.
As bases do desfile poden consultarse a continuación:
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Emprego e Desenvolvemento INICIO
- Visto: 981
O Concello da Baña renovará as instalacións e dotacións da rede de alumeado público do municipio cunha achega de preto de 400.000 euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). A axuda solicitada polo Concello financiará unha boa parte da actualización de instalacións de alumeado, iluminación e sinalización exterior, cuxo custe total será de 493.183,70€.
O Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) do Ministerio para a Transición Ecolóxica notificou esta semana ao Concello a concesión desta axuda, que conta con financiamento europeo ao estar enmarcada no Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, que busca mellorar a eficiencia enerxética e apoiar así a transición cara a unha economía con baixo consumo de carbono e, polo tanto, máis limpa.
Os 394.546,96€ concedidos representan o 80% do investimento, a contía máxima que financia o FEDER. Con esta actuación, o Concello poderá renovar 2.281 puntos de luz dos 2.327 existentes, cambiando ás lámpadas actuais por outras de tecnoloxía LED, que incrementan a iluminación diminuíndo o consumo eléctrico. O aforro enerxético estimado é dun 73%, ao pasar a potencia actual de 230,82 KW a tan só 81,08 KW cando rematen as obras.
As actuacións faranse tanto na substitución das luminarias como nos cadros eléctrico. O Concello ten agora un prazo máximo de 6 meses para contratar e adxudicar as obras, e de 18 meses para a súa execución. Unha vez rematadas, máis do noventa por cento das luminarias do municipio da Baña serán de tecnoloxía LED, o que suporá un considerable aforro enerxético, e lle permitirá ao Concello cumprir tamén co Pacto polo Clima promovido pola Unión Europea, que vén de asinar o Concello da Baña.
Actualmente, as lámpadas que existen na praza do Concello e en outros puntos do municipio xa utilizan tecnoloxía LED.