20190322 Obradoiro Xallas Barcala Dubra Baña Facebook

O Obradorio de Emprego Xallas-Barcala-Dubra V, promovido polo Concello de Santa Comba en colaboración cos Concellos da Baña, Negreira e Val do Dubra, interveu no municipio bañense para limpar, desbrozar, sanear e repoboar a finca da Airoa. Con esta e con outras actividades, o taller promove a ocupabilidade de dezaseis alumnos traballadores da comarca que conseguen cualificación profesional e adquiren experiencia laboral mediante a realización de obras e prestación de servizos de utilidade pública, ou interese social.

20190322 Obradoiro Xallas Barcala Dubra V Baña facebookO obxectivo da intervención na Baña consistiu na limpeza, desbroce, saneamento e repobación na finca Airoa, cun alcance que abarcou máis de 5.000 metros cadrados de superficie. A actuación desenvolveuse en catro fases: a eliminación do residuo acumulado dentro da área de actuación que impedía a limpeza e acondicionamento da mesma, o desbroce de vexetación (toxos, silvas, fentos, pequenas arbores e arbustos) que en case todo o espazo superaba os 2 metros de altura, a tala de varias unidades de eucaliptos que impedían o acceso ás zonas de desbroce, o movemento de terra para acondicionar o terreo e por último, a repobación de especies autóctonas na área periférica á mesma.

A axilidade na execución da execución, estivo favorecida polas condicións climatolóxicas deste inverno e pola colaboración de todos os entes implicados que cederon a maquinaria pesada necesaria para facer o movemento de terras, e o desbroce mecánico. Tamén hai que salientar a colaboración de todos os entes implicados, así como a motivación do alumnado-traballador.

20190312 Cartel Festa Musica A RibaA asociación Nosos Aires e o Concello da Baña celebran a súa II Festa da Música cunha especial homenaxe á muller rural. Tras a decisión de pospoñer a data da troula, finalmente levarase a cabo o vindeiro sábado día 23 de marzo. A xornada contará cunha exposición fotográfica e cunha mostra da vestimenta e material dos oficios do campo da época.

Estaba previsto que a II Festa da Música da Riba se celebrara o 16 de marzo, pero ao coincidir coa ponte de San Xosé, a directiva decidiu aprazala ao vindeiro sábado 23 de marzo. A localización escollida para a celebración é unha vez máis o campo da festa de A Carballeira, na parroquia bañense.

Os festexos comezarán ás 13.30 horas coa misa cantada e continuarán co tradicional xantar popular, que cun prezo de 25 euros, ofrecerá á veciñanza un menú composto por pulpo á feira, carne ó caldeiro, bebida, sobremesa e café. As actuacións musicais animarán a troula a partir das 17.00 horas da tarde da man de grupos de música tradicional da contorna. O Dúo Rosán será o encargado de poñer o broche final ao día.

Ademais, a edición de este ano contará cunha especial homenaxe á muller rural que se fará a través dunha exposición fotográfica das mulleres do rural, e cunha mostra da vestimenta da época e dos materiais dos oficios do campo.

A reserva do xantar farase antes do 18 de marzo a través dos números de teléfono 656 951 734 e 686 970 956.

20190307 Cortes Carretera Desfile EntroidoO Concello da Baña celebra este sábado, 9 de marzo de 2019, o desfile de carrozas e comparsas de Entroido. As celebracións comezarán as 17.00 horas e están abertas a todas aquelas persoas que desexen participar. O desfile sairá da praza do Concello e dirixirase ata o polideportivo municipal pola rúa Tedelle. Os cortes de tráfico afectarán á Praza do Concello e á rúa Xacinto Rodríguez de 16.30 a 18.00 horas. As inscricións faranse de forma presencial o día do desfile.

Os festexos que pechan o Entroido da Baña comezarán este sábado ás 17.00 horas na Praza do Concello. Para participar é preciso aceptar as bases do concurso e anotarse o mesmo día do evento antes das 16:00 horas na Casa Consistorial, ou no teléfono 981 886 501. Os participantes dividiranse nas categorías de individual, parella, comparsa e carroza. Os gañadores por parellas e individuais, conseguirán 70 euros de premio. No caso das comparsas e as carrozas, o 1º premio será de 400 euros, o 2º de 200 euros, o 3º de 100 euros e o 4º de 75 euros. Repartiranse en total máis de 700 euros.

O xurado estará composto por 3 persoas como mínimo e sempre en número impar. A súa valoración basearase na orixinalidade, elaboración e acabados, adaptación e interpretación da temática escollida polos participantes.

Por outra banda, a cativada poderá gozar das actividades organizadas no polideportivo. Os cortes de tráfico afectarán á Rúa Xacinto Rodríguez dende as 16.30 ata as 18.00 horas.

 

20190308 Día MullerO Concello da Baña conmemorou esta mañá o Día Internacional da Muller sumándose á Declaración Institucional da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Ante a representación de todos os grupos políticos da corporación, A Baña concentrouse hoxe ás 11.00 na Praza do Concello para proceder á lectura da Declaración Institucional da FEMP, mentres que Silvia Capelo levou a cabo unha performance.

O acto de conmemoración do Día Internacional da Muller contou ca axuda das traballadoras do Concello para a lectura da Declaración Institucional da FEMP. Deste xeito cada unha delas leu en voz alta unha parte do escrito para todos os asistentes, entre os que se atopaban membros de todos os grupos políticos do Concello. No transcurso da declaración, a artista local Silvia Capelo levou a cabo a súa performance, que pasará ao recordo por pintar un cadro coa mensaxe “xuntas somos máis fortes”. Finalmente, A Baña comprometeuse a continuar loitando pola igualdade asinando a Declaración Institucional e respetando todos os puntos que recolle. O texto completo atópase a continuación.

 

Un total de 14 persoas participan no curso Como poñer en marcha un proxecto turístico local?, organizado polo Concello da Baña e impartido por Sandra Touza, directora da empresa Ponle cara al turismo. O curso ten unha duración total de 10 horas distribuídas en tres xornadas de traballo, os días 12, 13 e 14 de novembro.

A empresa Ponle cara al turismo aposta por un enfoque diferente ao fomentar un turismo responsable mediante a súa integración na comunidade. A súa directora, Sandra Touza, dará a coñecer os diferentes segmentos de mercado e as novas tendencias turísticas e profundará nas distintas fases dun proxecto, no ciclo de vida dun produto e dun destino turístico.

A través dunha dinámica de traballo en equipo, fomentarase a creatividade e a cooperación para que cada participante, cos coñecementos acadados, sexa quen de presentar seu propio proxecto turístico unha vez finalizada a formación. No curso utilízase o método Lean Startup, axudándose de pezas Lego para fomentar a creatividade e as competencias clave.