• Concello e empresa establecerán un mapa de zonas prioritarias para cubrir as zonas brancas

  • O alcalde, Andrés García Cardeso, e o concelleiro César Ramos pedíronlle á directora de Amtega que axilice a cobertura móbil

A partir da semana que vén comezará a despregarse no concello da Baña unha rede ultrarrápida de fibra óptica grazas a un convenio de colaboración que o Concello asinará nos vindeiros días coa teleoperadora neutra de comunicacións Rede Aberta. Este despregamento permitirá dotar á Baña das infraestruturas precisas para que calquera compañía poida logo prestar o servizo coa maior calidadecomar.

Responsables de Rede Aberta visitaron A Baña hoxe pola mañá para reunirse co alcalde, Andrés García Cardeso, e o concelleiro César, e aseguraron que comezarán a traballar a semana que vén para despregar o servizo ao longo da AC-444, que une Negreira con Santa Comba, e iniciar a instalación no Seilán e San Mamede. Ademais, Concello e empresa de telecomunicacións establecerán un mapa de áreas prioritarias de actuación para cubrir as chamadas zonas brancas, ás que non chega a fibra nin entran nos plans de execución.

En resposta á petición de Rede Aberta para utilizar as infraestruturas municipais coa fin de acelerar o proceso de dixitilización, o alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, manifestou o seu compromiso de “poñer todo da nosa man para facilitar os traballos e axilizar todos os trámites, tanto no que se refire a dotar as parroquias de cobertura 4G como de acceso a fibra óptica”.

“Ter un bo acceso a internet e cobertura móbil é prioritario para os veciños e veciñas e para o desenvolvemento do noso concello”, engadiu o concelleiro e tenente alcalde César Ramos, quen incidiu en que “niso levamos traballando desde que entramos no goberno, co obxectivo de cubrir todos os puntos da nosa xeografía".

Á xuntanza de hoxe cos responsables de Rede Aberta, súmase a que mantiveron ámbolos dous mandatarios locais coa directora de Amtega, Mar Pereira, o pasado 9 de febreiro. Na devandita reunión, alcalde e concelleiro pregáronlle á responsable da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia unha axilización dos prazos previstos de cara a mellorar a cobertura móbil e dotar todos os puntos do Concello de fibra óptica.

 20220209 xuntanza amtega Mar Pereira

 

  • O proxecto é froito da colaboración entre Concello e a asociación A Baña Emprende e ten como fin contribuír á promoción cultural e turística do municipio

Martín Rivas e Verónica Silva, arqueólogos colaboradores no proxecto, supervisaron esta semana o comezo da segunda fase dos traballo de limpeza e captación destinados á recuperación do castro da Baña. As labores realizadas ata o de agora permiten xa ver a croa ou espazo superior e de vixilancia do castro dende o que, baixando polas ladeiras do monte, se estendían as construcións.

A posta en valor do castro da Baña responde a unha iniciativa da asociación de empresarios A Baña Emprende e ten como obxectivo poñer en valor atractivos do municipio que contribúan a súa promoción patrimonial, cultural e turística. Unha xuntanza o pasado 25 de xaneiro entre o alcalde, Andrés García Cardeso; o concelleiro de promoción de vida activa e deportiva, César Ramos; e o presidente dos empresarios, Rafa Vieito, selou o acordo de colaboración polo que o Concello sufraga os gastos da empresa de limpeza e desbroce desta segunda fase dos traballos, ademais de ceder material.

A recuperación do castro como área arqueolóxica e espazo público súmase ao recente acondicionamento do pico de Santa Mariña, no que se habilitaron un banco e un bambán para gozalo como miradoiro.

    • A Baña inclúe no POS unha plataforma para a numeración dixital das vivendas e obras por 112.000 euros

    • A partida reservada a gastos correntes é de 119.000 euros e 14.714 para reducir débeda cos bancos

    • A petición no POS+ adicional para gastos sociais ascende a 68.000 euros

    • Os investimentos financeiramente sostibles do Plan Complementario ascenden a 1.400.000 euros

O Pleno da Corporación da Baña aprobou na sesión ordinaria de onte pola noite a relación de obras e gastos para incluír no Plan de Obras e Servizos da Deputación (POS+) por un montante total de 323.454 euros, aos que se engaden os algo máis de 68.000 euros para gasto social do POS+ Adicional, e 1,4 millóns de euros en investimentos financeiramente sostibles do Plan Complementario. Estes puntos foron aprobados por unanimidade, a pesar das críticas do grupo socialista por non telos chamado para negociar os proxectos. A moción de PSdeG para modificar o ICIO (imposto de obras) establecendo dous tramos diferentes foi rexeitada pola existencia de xurisprudencia que declara ilegal esta medida. 

Dos 190.000 euros destinados a investimento, o alcalde destacou a partida de 76.521 euros que lle vai permitir ao Concello da Baña contar cunha plataforma de numeración dixital para as vivendas do municipio, “algo moi necesario para actualizar os números de todas as casas e evitar os problemas que hai co Catastro e co Instituto Nacional de Estatística, porque temos problemas coa numeración”. Outros 112.550 euros están reservados para a execución do saneamento en Xasoso-Castiñeira (46.328) e a pavimentación da estrada do Cruceiro-Canle-Paraxó (66.222).

O Concello da Baña tamén solicita 14.714 euros para reducir débedas coas entidades financeiras e outros 119.669 para gastos correntes, o que eleva a un total de 323.456 euros as solicitudes do Plan Único de Concellos (POS+) para este ano.

Polo que respecta ao POS+ Adicional para gastos sociais extraordinarios deste ano, pídense algo máis de 68.000 euros en catro partidas. 25.000 euros destinaranse a emerxencia social, 34.666 a ampliar o servizo de axuda no fogar, 3.500 a atender a persoas vulnerables e 5.500 euros a equipamento técnico asistencial, segundo o informe emitido polos técnicos.

No Plan complementario inclúense investimentos financeiramente sostibles por un montante global de 1.399.963 euros. Na relación de obras deste plan figuran o saneamento de Liñares-San Salvador; a mellora da capa de rodaxe das pistas de Liñares a Carballeira Ermida-Francos, Marcelle (estación)-Reguengo (Suevos), San Cibrán-Chantada, Vilar de Cerdeiras-Corneira e a de Troitosende ao límite con Ames. A mellora de viarios en Guende e a pavimentación de accesos a Buchaín-Nantón e dunha estrada en Edreira completan os proxectos.

No debate, dende o equipo de goberno (PP e Compromiso) defendeuse que se trataba dun plan equilibrado que trata de atender as necesidades de todas as parroquias. Pola súa banda, o grupo socialista criticou que non se lles convocara para consensuar a relación de obras e que non se teña en conta a opinión da oposición, aínda que finalmente votaron a favor, polo que se aprobaron por unanimidade os dous puntos relacionados co POS.

O equipo de goberno rexeito a moción do PSdeG solicitando que se modifique a ordenanza reguladora do Imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO) para facer dous tramos. A proposta consistía en manter o 2% actual para obras de menos de 2 millóns de euros e aplicar un 4% ás que superen ese orzamento, coa intención de penalizar a instalacións de parques eólicos.

O concelleiro César Ramos argumento que o goberno rexeitaba esta medida porque hai xurisprudencia que a considera ilegal. Segundo aclarou no pleno, a sentencia do Tribunal Constitucional 221/92 e unha consulta vinculante a Secretaría General de Tributos de 2018 din que non se poden establecer dous tipos de taxa diferente no ICIO. Andrés García Cardeso reforzou esta postura sinalando que o Concello non pode tomar un acordo contrario á lexislación e invitou ao portavoz socialista a presentar informes xurídicos que avalen a súa petición.

Antes do capítulo de rogos e preguntas, o alcalde informou á Corporación que a Xunta detectou deficiencias nunha inspección que fixo o pasado día 4 no Punto de Atención á Infancia (PAI) que viñan da anterior etapa de goberno socialista e que se intentarían arranxar o antes posible.

20220210 2carteisO Concello da Baña, en colaboración con + de 3 Asociación e coa UNED A Coruña, organiza dúas actividades formativas relacionadas con tarefas agrarias. Por unha banda, un curso de horta e, pola outra, dous talleres de enxertos. Ambas as dúas accións serán impartidas pola mestra Carmen Freire a partir de marzo.

O curso de horta terá 30 horas de duración e realizarase de marzo a maio. O custo desta actividade é de 20 € por participante. Os talleres de enxertos serán gratuítos e desenvolveranse na horta municipal situada na rúa Tedelle, na Baña. O primeiro deles, que se celebrará en marzo, tratará sobre o enxerto de inverno; mentres que o segundo, sobre o enxerto de verán, farase en agosto.

As persoas interesadas en participar nestas actividades poden dirixirse á Axencia de Desenvolvemento Local do Concello da Baña, tanto para solicitar máis información como para anotarse, nos teléfonos 981 886 501 – 682 859 367.

  • O deputado Antonio Leira visita o Concello da Baña e anuncia que o organismo provincial aprobará a subvención no vindeiro pleno

  • Compromete tamén a concesión doutros 175.000 euros para unha segunda fase dos traballos

visita antonio leira

O deputado provincial Antonio Leira visitou esta mañá o Concello da Baña e anunciou, nunha reunión co alcalde, o compromiso da Deputación da Coruña de aprobar no pleno de novembro deste organismo a concesión dunha partida de 200.000 euros para arranxar a estrada que vai de Vilar de Torre a Paramos.

Antonio Leira informou ao rexedor bañense, José Antonio Pereira, de que a Deputación provincial lle vai conceder ao Concello da Baña unha subvención total de 375.875,06 euros para financiar a mellora da pavimentación da vía pública que discorre entre Vilar da Torre e Paramos. Ao vindeiro pleno do organismo provincial levarase a primeira fase de execución dos traballos, orzamentada en 200.000 euros. Quedarán pendentes de outorgar despois, de cara a unha segunda fase, outros 175.875,06 euros. Estas dúas cantidades cubrirán un 80 por cento do total dos 469.843,83 euros que custa a obra.