A tarde comezou cunha sesión de photocall protagonizada polo alumnado do grupo de teatro do CPI San Vicente, a directora do centro, as familias do alumnado e a concelleira de Cultura do Concello da Baña diante da casa de cultura.

Ás 18.00 h, presentouse en sociedade un tráiler da obra de teatro Unha cita incómodaque o grupo de teatro do CPI San Vicente vai representar a mediados de xuño neste centro escolar. Esta obra trata a relación da mocidade coas novas tecnoloxías, concretamente co teléfono, e aborda as dúbidas propias da xuventude. O grupo, que está formado desde o curso pasado, consta este ano de 15 rapaces e rapazas.

Ás 19.00 h, Fabiana Gastaldello presentou Andersen, un espectáculo de mimo, commedia dell’arte, teatro de sombras…. para todos os públicos que tamén incluíu un pequeno obradoiro de teatro no que participaron nenos e nenas do público.

O Concello da Baña comezou o pasado luns, 11 de maio, celebrando a Semana Bañense das Letras 2015 cunha Tarde Infantil entre Letras na Escola de Educación Infantil de Lañas que comezou ás 18.00 h.

En primeiro lugar, Ana e Tiko, voluntarias xeorxianas do programa europeo Erasmus, contaron o conto Fidelidade de león en versión xeorxiana e galega. E a continuación actuou Charo Pita co seu espectáculo Canta Conta, que deleitou as persoas asistentes cunha manchea de contos ao ritmo de instrumentos, de palmas, de asubíos, de cancións... e cunha gran dose de humor.

Participaron principalmente os nenos e as nenas de infantil da EEI de Lañas e de San Vicenzo, do PAI da Baña, do programa Maimiños e Furabolos, xunto coas súas familias que, en conxunto, formaron un público dedicado, atento, divertido e participativo.

Unha vez que rematou a actuación, as persoas participantes tiveron a ocasión de coñecer as instalacións da EEI de Lañas e toda a rapazada puido xogar e aproveitar o que quedaba dunha estupenda tarde de sol.

Ficheiros: 

2015semana_banense_das_letras.pdf

Ficheiros: 

Campamentos_Deportivos_2015.pdf

Ficha_inscricion_01.pdf

 

O pasado xoves, 7 de maio, arredor de 130 nenos e nenas das escolas infantís da comarca de Barcala participaron no intercambio anual na Baña que esta vez estivo centrado no proceso de elaboración do pan, desde que se moe a fariña ata que se mete no forno da panadería.

Como novidade, este ano ampliouse o número de centros participantes; xunto coas escolas infantís de Aro, Lañas e San Vicenzo incorporouse parte do alumnado de infantil do CEIP O Coto a esta actividade organizada polo Concello da Baña e a EEI de Lañas.

Para poder realizar esta actividade, todos os anos colaboran de maneira desinteresada empresas e veciños do Concello da Baña co fin de que o alumnado poida achegarse ás tarefas que realizan habitualmente. Nesta ocasión volveron participar a panadería O Barro e Pepe, o muiñeiro do muíño de Ponte Calexa, así como Feiraco que achegou os batidos de chocolate para a merenda dos nenos e nenas.

Comezaron a mañá reuníndose na área recreativa de Chans co fin de compartir con Urxa, a trasno da biblioteca da Baña, as vivencias do ano pasado e o contacontos Urxa, a trasno da Baña. Urxa serve de punto de enlace e de continuidade desta actividade. Logo, visitaron a panadería O Barro; amasaron na masa do pan no local social do Barro, onde tamén merendaron; recolleron cadanseu bolo de pan e remataron a xornada de convivencia en Fiopáns visitando e vendo como funciona o muíño de Ponte Calexa e xogando á busca do tesouro polos camiños dos arredores.

Esta foi unha boa ocasión para que o alumnado das escolas infantís se coñecesen, interactuasen e se enriquecesen coas experiencias dos profesionais dos distintos oficios do Concello da Baña que xenerosamente ofrecen o seu tempo e a súa simpatía.