• ‘Cartas de amor’ poderá visitarse do 29 de setembro ao 12 de outubro e abordará a prevención da violencia de xénero entre a mocidade a través das obras de quince artistas

  • ‘Sinaladas, provincia da Coruña’ chegará ao municipio do 21 de outubro ao 1 de novembro cun percorrido por cen anos de loita das mulleres galegas

  • As dúas mostras estarán abertas ao público con entrada gratuíta na Escola Municipal de Música da Baña Emilio Andújar

20260916 Cartel programacion igualdade web

A Concellería de Acción Social, Cultura e Servizos á Cidadanía do Concello da Baña organiza nas próximas semanas unha programación cultural centrada na igualdade de xénero. A iniciativa inclúe dúas exposicións gráficas que abordan a prevención da violencia de xénero entre a mocidade e a loita das mulleres galegas ao longo do século XX.

A primeira proposta será Cartas de amor, unha mostra integrada por ilustracións de quince artistas que reflexionan sobre a violencia nas relacións de parella entre adolescentes. A exposición poderá visitarse desde o 29 de setembro ata o 12 de outubro na Escola Municipal de Música da Baña Emilio Andújar.

As obras convidan a identificar comportamentos violentos e a cuestionar os mitos asociados ao amor romántico. A mostra salienta a importancia de construír relacións baseadas no respecto, na liberdade e na igualdade, e constitúe unha ferramenta de sensibilización especialmente dirixida á xente nova.

Cartas de amor chega á Baña no marco da colaboración da Dirección Xeral de Igualdade e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

A programación continuará do 21 de outubro ao 1 de novembro coa exposición Sinaladas, provincia da Coruña, promovida pola Deputación da Coruña. A mostra propón unha andaina por cen anos de loita das galegas, con especial atención ás mulleres da provincia, desde o agrarismo de finais do século XIX ata o proceso de recuperación das liberdades democráticas.

A través de 39 paneis, a exposición recupera a memoria de centos de mulleres que participaron nas mobilizacións agrarias, sindicais, políticas e culturais. Tamén aborda a represión exercida contra elas durante a ditadura franquista, a súa presenza no exilio e na guerrilla, o seu papel nas loitas obreiras e estudantís e a aparición do movemento feminista organizado.

Sinaladas, provincia da Coruña busca dar visibilidade a mulleres que, malia a relevancia das súas achegas, foron perseguidas ou relegadas ao esquecemento. A exposición está estruturada con criterios cronolóxicos e temáticos para facilitar o achegamento a unha parte fundamental da historia contemporánea de Galicia.

As dúas mostras instalaranse na Escola Municipal de Música da Baña Emilio Andújar e poderán visitarse con entrada gratuíta. Con esta programación, o Concello da Baña reforza o seu compromiso coa educación en igualdade e co recoñecemento da contribución das mulleres á sociedade.