WhatsApp Image 2026 04 24 at 10.44.45

O Concello da Baña pon en marcha un proceso de participación pública para recoller achegas e opinións arredor da futura Ordenanza Reguladora da Escola Infantil Municipal. Esta iniciativa pretende implicar á veciñanza e ás entidades interesadas na elaboración dunha norma clave para o funcionamento deste servizo .

O procedemento foi aprobado por decreto da Alcaldía o 21 de abril de 2026 e estará aberto durante un prazo de 10 días hábiles desde a publicación do anuncio na web municipal. Durante este período, poderanse formular propostas sobre cuestións como a necesidade da regulación, os fins que se perseguen ou as posibles alternativas .

As contribucións deberán presentarse a través da sede electrónica do Concello da Baña, empregando o formulario habilitado para documentación complementaria (prema nesta ligazón). No campo “código de expediente” será preciso indicar: 2026/G013/000004 .

A nova ordenanza ten como finalidade establecer o marco de funcionamento da Escola Infantil Municipal, un recurso orientado á atención de nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos, así como ao apoio ás familias cando existen dificultades para o seu coidado .

Desde o Concello da Baña anímase á cidadanía a participar activamente neste proceso, achegando suxestións que contribúan a mellorar un servizo esencial para a conciliación e o benestar familiar.

No documento adxunto pode consultarse o anuncio completo da consulta pública.