- Non faltaron as conversas e bailes ao ritmo que marcaron a Charanga Tíralle do Aire e o Dúo Rosán
- Recoñecemento do alcalde ás mulleres no Día da Muller Rural: “Grazas ao voso traballo as xeracións actuais poden construír un futuro mellor”
Tres anos despois da última edición eran moitas as conversas pendentes que hoxe recuperaron na Baña as máis de cincocentas persoas que asistiron á Festa do maiores, celebrada no polideportivo de San Vicenzo. Esperados reencontros, anécdotas e ganas de pasalo ben marcaron esta celebración que recupera unha tradición no municipio, que hoxe celebrou a súa vixésimo sétima edición. A agrupación Tíralle do Aire e o Dúo Rosán puxeron a música coa que moitos dos asistentes non dubidaron en saír a bailar na sobremesa dun xantar de confraternidade que a maioría xa botaba de menos.
“Coa festa de hoxe queremos volver a normalidade e fortalecer vínculos entre a veciñanza”, díxolles Andrés García Cardeso aos asistentes antes de comezar o xantar. O alcalde tivo un recoñecemento especial para a muller rural, a maioría das que viven na Baña, coincidindo coa celebración do Día da Muller Rural. “Grazas ao voso traballo, as xeracións actuais seguen gozando do noso rural e poden construír un futuro mellor”, afirmou o alcalde, que animou á veciñanza a seguir gozando dos actos programados con motivo do Outono Cultural. García Cardeso tamén lles recordou que a partir dos martes, os maiores de 50 anos poden gozar dos servizos de audioloxía, podoloxía e reforzo da memoria que ofrecer a unidade móbil de Coidados porta a porta.
O delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, agradeceulle ás persoas maiores “os valores que nos transmitides e que axudaron a preservar a nosa identidade, cultura e tamén a nosa economía. Grazas polo voso esforzo, e pasádeo moi ben hoxe”, concluíu.
Entre as autoridades presentes na festa estaban os concelleiros da Corporación da Baña, a alcaldesa de Santa Comba e representantes dos concellos de Negreira e Val do Dubra.
O restaurante Casa Taboada, de Touro, encargouse de preparar o menú, a base de empanada, polbo con cachelos, carne ó caldeiro, tartas de améndoa e de queixo, e café.