O Concello da Baña pon en marcha un programa de voluntariado sénior destinado a persoas maiores de 55 anos, cuxa misión será a de coñecer a opinión dos veciños e veciñas para mellorar o envellecemento activo e saudable da poboación do municipio. Ata oito persoas poderán participar neste proxecto, impulsado pola Concellería de Servizos Sociais co apoio de Voluntariado Galego.
O equipo de voluntarios realizará enquisas telefónicas a persoas maiores seleccionadas aleatoriamente do padrón de habitantes do municipio. O obxectivo é coñecer de primeira man cales son as inquedanzas e necesidades deste colectivo social na Baña, para poder deseñar despois programas municipais de envellecemento saudable. A intención do Concello é detectar os problemas específicos aos que se enfrontan as persoas maiores para darlles resposta.
As persoas que participen nesta acción de voluntariado percibirán 3€ diarios en concepto de gastos de desprazamento e estarán cubertas por un seguro de responsabilidade civil e de accidentes. Ao remataren a actividade recibirán un Certificado de Experiencia Voluntaria.
Máis información na Concellería de Servizos Sociais da Baña, nos teléfonos 981 886 501 e 981 817 605 ou nos correos electrónicos Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. e Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..