A iniciativa do goberno municipal viuse apoiada pola presenza de moitas persoas durante toda a mañá, que acudiron a mercar e a tomar o polbo
Por comprar superiores a 15 euros nos postos ou no comercio e hostalería local, o Concello regala vales de 2 € de desconto na polbeira
A iniciativa do Goberno da Baña para impulsar e dinamizar a feira mensual viuse apoiada coa presenza dunha trintena de postos no mercadiño ambulante e de moitos veciños e veciñas que se achegaron ata San Vicenzo para mercar e comer polbo.
Dende primeira hora da mañá foise achegando a xente ata San Vicenzo para pasear polo mercadiño e ver as ofertas da trintena de postos que se instalaron este primeiro luns de xuño: roupa, bixutería, prantas, calzado, pan, churros, entre outros. A partir de mediodía incrementouse a fluencia ao mercado e a polbeira, que xa comezou a servir as primeiras racións de polbo pouco despois da doce.
Precisamente, a presenza da polbeira na feira da Baña é unha das novidades desta iniciativa do goberno local para dinamizala. Por este motivo, o Concello ofrece un vale desconto de dous euros para comer o polbo a todas as persoas que fagan compras por importe superior aos 15 euros tanto nos postos do mercadiño como no comercio e hostalería da Baña. Esta promoción estará vixente tamén na feira do mes de xullo (que se celebrará o día 1) e cada persoa pode trocar un máximo de dous vales cada día.