• O mercado dos luns amplía a oferta de postos e produtos

  • O Concello regala descontos na polbeira por compras superiores a 15 euros nos postos da feira e no comercio local

 

Cartel Feira BanhaO Concello da Baña impulsa a renovación da súa Feira mensual, que se celebra o primeiro luns de cada mes, e pon en marcha unha campaña de promoción deste mercado. A partir do vindeiro luns 3 de xuño, a Feira presentará un maior número de postos, produtos máis variados e vantaxes para todos os visitantes.

Unha das novidades máis destacadas é a volta da polbeira, que non participaba na Feira desde había un ano. Ademais, para fomentar a participación e recompensar ás persoas asistentes, o Concello da Baña introducirá unha serie de vantaxes. Por cada gasto de 15 euros nos postos do mercado ou nos establecementos comerciais, farmacias e de hostalería da Baña, os visitantes recibirán un vale desconto de 2 euros para cambiar na polbeira. Recentemente, o Concello envioulle unha carta á veciñanza para informar desta campaña na que se incluía un vale de 2 euros, que tamén poderá ser utilizado na Pulpería Rois o luns 3 de xuño e o luns 1 de xullo.

O servizo de autobús polas parroquias continuará como de costume, con saída ás 9.00 horas de Fiopáns. O percorrido abrangue toda a zona que vai dende Fiopáns, pasando por Troitosende, Menlle, Lañas, Cabanas, O Barro e rematando na Baña. O regreso está previsto para as 13.00 horas.

O Concello tamén fai un chamamento a todas as persoas interesadas en montar o seu propio posto no mercado. “Esta é unha actividade gratuíta e a disposición de todos os veciños”, indícase na carta asinada polo alcalde da Baña, José Antonio Pereira. Para máis información sobre como participar na Feira ou obter un posto no mercado, as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa Axencia de Desenvolvemento Local do Concello da Baña.

"Cremos firmemente no espírito de colaboración e no fomento de iniciativas locais que contribúan ao desenvolvemento do noso municipio”, afirma na misiva Pereira. O alcalde remarca o compromiso do Concello coa “promoción da actividade económica na nosa comunidade ofrecendo novas oportunidades tanto aos comerciantes habituais como aos novos emprendedores locais”. O rexedor ve na Feira unha oportunidade de “fortalecer o tecido económico e social da nosa comunidade”.