-
O alcalde pediu unha reunión co responsable de Mobilidade da Xunta para recuperar as conexións das tardes
O Concello da Baña remitiulle hai uns días un escrito á Xunta de Galicia para reclamar máis frecuencias nos autobuses que a comunican con Santiago, logo de que a empresa concesionaria do servizo decidise hai uns meses anular os horarios de tarde por causa da covid-19 e agora se negue a recuperalos coa excusa de que vai deixar de ser adxudicataria.
O escrito, asinado polo alcalde, José Antonio Pereira, vai dirixido a Ignacio Maestro, director xeral de Mobilidade. Nel lémbralle que A Baña só dispuña xa de cinco conexións con Santiago ao longo do día, quedando en funcionamento na actualidade únicamente dúas de ida con parada na Baña ás 7:15 horas ás 16:30, e outra de volta con parada ás 16:15 horas. Anuláronse “de maneira unilateral”, según sinala o texto, as que había á tardiña, con volta ás 20:15 horas e ida arredor das 20:30 horas, deixando á Baña incomunicada polas tardes.
A Baña é un dos concellos participantes no Plan de transporte metropolitano con Santiago de Compostela e a diminución do número de frecuencias de autobuses, recorda o alcalde, supón “privar máis de 3500 veciños do noso concello da única posibilidade de conexión coa área metropolitana”.
Logo de poñerse en contacto coa empresa concesionaria e recibir dela a resposta de que non vai reanudar os servizos, o Concello solicita unha reunión de carácter urxente co responsable de mobilidade da Xunta para solucionar a devandita problemática.