• A actuación permitiu acondicionar o acceso exterior ás instalacións, adaptar o desnivel existente e instalar unha nova varanda de protección para eliminar barreiras arquitectónicas

  • A obra contó co cofinanciamento da Unión Europea (Feader), do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Xunta de Galicia a través da Agader

2 obras pavillon

O Concello da Baña vén de completar as obras de mellora da accesibilidade no polideportivo municipal de San Vicenzo, unha intervención dirixida a facilitar o acceso de toda a veciñanza ás instalacións deportivas e avanzar na eliminación progresiva de barreiras arquitectónicas no municipio.

1 obras pavillon

O proxecto supuxo un investimento total de 13.281,20 euros e centrouse principalmente no acondicionamento e adecuación do acceso exterior ao recinto. Entre os traballos executados destaca a adaptación do desnivel que presentaba o terreo na entrada e a instalación duns novos elementos de seguridade, concretamente unha varanda de protección que garante un paso máis firme, accesible e seguro para os usuarios e usuarias de todas as idades.

3 obras pavillon

Cunha elevada concorrencia diaria de deportistas, clubs e veciños que fan uso do polideportivo de San Vicenzo, esta actuación responde ao compromiso do equipo de goberno local por contar cunhas infraestruturas públicas inclusivas, cómodas e adaptadas ás necesidades de mobilidade do conxunto da poboación.

Cofinanciamento público e fondos europeos

Esta intervención executouse ao abeiro da liña de axudas para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos en zonas rurais, xestionadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) no marco do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC) 2023-2027.

O proxecto conta co cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Xunta de Galicia.

4 obras pavillon