Centros de persoas degustaron hoxe na Baña filloas da pedra, unhas soas, outras con chourizo ou orella, outras con doce, durante unha xornada que serviu de homenaxe ás mulleres do rural, porque, segundo explicou a pregoeira, Marga Cancela, “non se pode falar de filloas sen mulleres, esas mulleres que son unhas auténticas malabaristas, capaces de coser, pranchar e facer os deberes cos seus fillos”, dixo a escritora barcalesa afincada en Madrid, que tivo tamén un recordo especial para Elisa Liñares Guerra, unha das impulsoras da Festa da Filloa da Pedra, que hoxe celebrou a súa décimo quinta edición.

O alcalde, Andrés García Cardeso, recordou que con esta festa quere ser unha homenaxe a muller do rural. Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, animou ao alcalde da Baña e ao de Boqueixón en promover o hirmandamento das dúas festas da filloa máis coñecidas da comarca: a de Lestedo e a da Baña, como unha forma “de manter viva e impulsar as nosas tradicións”.

Segundo explicou Marga Cancela no seu pregón, as auténticas filloas son as do Val da Barcala. “O que pasa e que aos peregrinos franceses gustáronlle tanto que copiaron a receite e levárona para a súa terra. Alí, co seu saber facer, asumírona como propia e souberon divulgala ata que alcanzou fama mundial”, sinalou a pregoeira, para quen as crêpes non teñen nada que ver coas filloas, e menos coas filloas da pedra da Baña.

A celebración da XV Festa da Filloa da Pedra acudiron centos de persoas, así como os alcaldes de Val do Dubra, Santa Comba e Carnota, o presidente de Feiraco, e veciños do concello que viven en Brasil ou Arxentina. Todos puideron degustar as 8.000 filloas que veciños e voluntarios da Asociación Filloas da Pedra da Baña estiveron preparando tanto a tarde do sábado como todo o Domingo de Ramos, día no que se celebrou a festa despois de que o concello decidise aprazar a celebración prevista para o 11 de marzo por mor do mal tempo. Esta mañá, no pavillón de San Vicenzo, trece mulleres e tres homes atenderon as corenta pedras de 40 x 40 centímetros para ofrecer filloas a todos os visitantes.

Entre as voluntarias, ata unha se animou a compoñerlle unha canción a festa. Elena López García animouse a cantar “Filloas veñen e van” (unha adaptación da “Rianxeira”) pero adicada á Festa da Filloa da Pedra da Baña, “a mellor do mundo”, dixo.

En presencia das autoridades e festeiros, Marga Cancela animouse a pedirlle aos concelleiros de Medio Rural, José Manuel Landeira, e ao de Facenda e Deportes, Manuel Tourís, que fagan un paseo á beira do río Barcala, dende Ponte Rial ata Ponte Corneira, para fomentar os hábitos saudables entre a veciñanza, onde se poidan dar paseos, andar en bicicleta e rebaixar o colesterol, afirmou.

A xornada festiva arrancaba xa as dez da mañá coa saída da segunda Ruta BTT Filloa da Pedra, na que participaron máis dun cento de ciclistas percorreron 42 quilómetros polos paraxes máis fermosos do concello. O campionato de chave e a música dos Campantes da Baña animaron as primeiras horas festivas. Xa pola tarde, e despois da entrega de premios da ruta BTT e do campionato de chave, a charanga Pena do Corvo e a orquestra Santiago encargáronse de poñer a música para seguir animando a xornada. Durante o xantar, os máis cativos puideron gozar na ludoteca habilitada no polideportivo de San Vicenzo.

Podense consultar os albunes de fotos no facebook do Concello da Baña nos seguintes enlaces:

Fotos da 15 Festa da Filloa da Pedra da Baña

Fotos dos xogos e mostra de artesaníaFotos dos xogos e mostra de artesanía

Fotos da II Ruta BTT Filloa da Pedra

Video: un voluntario facendo unha filloa da pedra

A Festa da Filloa da Pedra da Baña chega este domingo á súa décimo quinta edición exaltando este produto inconfundible por sabor e calidade. O programa de eventos comeza ás dez da mañá coa saída dunha ruta para bicicletas de montaña e permitirá ao público degustar filloas durante toda a xornada no polideportivo de San Vicenzo. A festa, inicialmente prevista para o domingo 11 de marzo, houbo de ser adiada ao día 25 por mor do mal tempo.

O Concello, en colaboración coa Asociación de Filloas da Pedra da Baña, preparou un amplo programa para celebrar que xa van quince anos de exaltación desta receita tradicional que leva o nome do municipio barcalés. A festa abrirá ás dez da mañá, e desde esa mesma hora poderanse degustar filloas, das que se prevé elaborar máis de oito mil de 50 x 50 centímetros cada unha. A Asociación de Filloas da Pedra da Baña preparará uns 1.300 litros de amoado, con auga, fariña, ovos e sal, para cociñar nas corenta pedras dispostas para a ocasión.

O primeiro evento do día será a II Ruta BTT Filloa da Pedra que levará aos ciclistas polos montes e espazos naturais da contorna e no que xa hai máis de oitenta deportistas inscritos. Está previsto que o último dos participantes chegue contra o mediodía, para proceder ás 15.00h á entrega de trofeos. A esta mesma hora daranse os premios do campionato de chave para adultos que se celebrará ás 10.30 h.

A profesora e escritora Marga Cancela Negreira será a encargada de ler o pregón da celebración, ás 13.00 horas. A Festa da Filloa da Pedra gozará de música e entretemento durante todo o día: ás 12.00 actuarán Os Campantes da Baña; ás 15.00, a charanga Pena do Corvo; e ás 18.30 a orquestra Santiago.

Para que nenos e nenas poidan tamén pasar un gran día, a organización disporá dun servizo de ludoteca de 12.30 a 15.30, e dunha tarde chea de animación. A partir das 15.30 haberá actividades como tiro con arco e zancos, e actuacións para público infantil como o ‘Brinca vai’ de Paco Nogueiras (16.30 h).

O Concello da Baña irmandarase con localidades europeas ao abeiro do programa Europa cos Cidadáns, nunha acción dirixida á mocidade que terá lugar en Cerdeña do 6 ao 12 de marzo. En concreto, A Baña desenvolverá o proxecto Alianza de irmandamento para a acción en solidariedade social e os participantes da localidade coruñesa encontraranse con outros de Italia, Polonia, Romanía e Letonia.

Ao respecto desta iniciativa, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, salientou que o obxectivo do programa "é favorecer que a xente nova teña máis oportunidades para o entendemento mutuo con outros mozos e mozas europeos, así como promover a solidariedade, a aprendizaxe cultural, o compromiso social e o voluntariado a escala da Unión Europea".

Na mesma liña, a Xunta promove outros dous proxectos similares cos concellos de Santa Comba e Padrón. Así, Santa Comba recibirá a finais de maio a 45 participantes de municipios de Eslovaquia, Italia, Portugal e Grecia, mentres que Padrón celebrará un irmandamento con localidades de Portugal, Italia, Eslovaquia, Grecia, Hungría e Alemaña, tamén en maio.

No último trienio, foron aprobados 676 proxectos no marco do Programa Europa cos Cidadáns, sendo concedidos a España 20 e dos cales 6 deles corresponden a Galicia.

Máis información neste enlace.

O Concello da Baña tomou a decisión de aprazar para o domingo 25 de marzo  a celebración tanto da XV Festa da Filloa da Pedra como da II Ruta BTT Filloa da Pedra polo aviso de condicións meteorolóxicas adversas para este fin de semana. Tanto Meteogalicia como a AEMET (Axencia Estatal de Meteoroloxía) coinciden no seu prognóstico de fortes ventos e choiva intensa entre a noite do sábado e o mediodía do domingo, día 11, data na que estaba prevista a celebración desta festa.

O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, vén de asinar un bando informando desta decisión e remitindo á Axencia de Desenvolvemento Local do Concello da Baña para obter máis información. Pódese contactar nos teléfonos 981 886 777 ou 981 886 501.

Garantir a seguridade de todas as persoas que tivesen previsto asistir á festa e das que partcipan na organización foi o que motivou a decisión do Concello da Baña de aprazar todas as celebracións para o domingo 25 de marzo.

Con respecto á II Ruta BTT Filloa da Pedra, a organización decidiu tamén ampliar o prazo de inscrición ata o xoves 22 de marzo. O formulario de inscrición e o regulamento desta proba pódense consultar na páxina web municipal (preme neste enlace)