• “A intención é dar a coñecer os servizos que temos nun concello pequeno e cunha grande calidade de vida”, asegura o alcalde, José Antonio Pereira

  • Rutas de sendeirismo, modernas instalacións deportivas, boa gastronomía, fermosas paisaxes e moitos servizos fan da Baña un lugar para vivir, asegura a concelleira Ana Pensado

  • O deputado provincial Antonio Leira destacou o “potencial que ten A Baña para desenvolver moitas actividades”

 

 

O Concello da Baña presentou este 16 de xuño o vídeo Vive a Baña, co que quere dar a coñecer “todos os atractivos e servizos que ofrece para vivir un municipio pequeno como o noso, pero cunha gran calidade de vida, que está preto de Santiago, con fermosas paisaxes, modernas instalacións deportivas, rutas de sendeirismo e con potencialidade empresarial”, asegura o alcalde. José Antonio Pereira agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña, que financiou o vídeo.

A concelleira de Turismo, Ana Pensado, lembrou durante a presentación que nos sete minutos que dura esta peza audiovisual “amosámoslle ao resto do mundo, e a nós mesmos, as nosas rutas de sendeirismo, áreas recreativas e de descanso, ríos e ribeiras, árbores senlleiras e puntos espectaculares dende os que quen nos visite pode contemplar toda a beleza deste Val de Barcala no que nos atopamos”. O obxectivo e dar a coñecer todo o que ten a Baña para “atraer visitantes e para que novas familias vexan na Baña o sitio perfecto que é para vivir”.

A estrea deste audiovisual celebrouse este 16 de xuño na casa da cultura, nun acto ao que asistiron veciños e veciñas e todos os integrantes da Corporación municipal. O vídeo foi financiado integramente pola Deputación da Coruña como medida para axudar a promocionar os concellos pequenos da provincia.

20250617 Presentacion do video para promocionar municipio Vive a Banha 4

Durante a presentación, o deputado provincial Antonio Leira asegurou que A Baña “é un municipio rural con moito potencial para o desenvolvemento de actividades”. Este vídeo, engadiu, “é un primeiro paso doutros moitos que debe dar” o Concello para seguir promocionando o municipio. Antonio Leira amosouse convencido de que “máis cedo que tarde” o Concello vai conseguir a declaración de Festa de interese turístico para a Festa da Filloa da Pedra.

“A Baña é un lugar para vivir ou para pasar uns días de vacacións, ben sexa en autocaravana ou alugando casas rurais”, asegura o vídeo producido por Xurdir. As áreas recreativas de Chans e de Fiopáns, as rutas de sendeirismo (a do Tambre, a dos Muíños e a literaria ‘As rapazas de Xan’ ou a de Santa Mariña) e as fermosas paisaxes son algúns dos atractivos turísticos do municipio que se reflicten nesta peza audiovisual.

Na Baña pódese gozar tamén unha excelente gastronomía, coa Festa da filloa da Pedra como un dos seus expoñentes principais, pero non o único.

A todo isto, A Baña engade unhas modernas instalacións deportivas, con polideportivos, campo de fútbol de herba artificial ou dúas pistas de pádel cubertas no pavillón de Lañas.

José Antonio Pereira resalta tamén a proximidade da Baña á capital de Galicia  (menos de media hora en coche) e as negociacións que está a facer o goberno municipal para dotar ao municipio dun parque empresarial coa colaboración de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), que se podería facer realidade nos vindeiros meses.

“A Baña é un bo lugar para vivir, para conectar coa natureza, para comer e saborear... É tamén un bo lugar para emprender”, asegura José Antonio Pereira.

20250617 Presentacion do video para promocionar municipio Vive a Banha 2