Foi unha das grandes sorpresas da festa gastronómica celebrada este domingo e abriu a verbena amenizada pola orquestra Olympus

Tras comer en Casa Barqueiro, apareceu a última hora da tarde no pavillón de San Vicenzo e conversou coas filloeiras e filloeiros voluntarios

O chef José Manuel Mallou contoulle os segredos deste prato tradicional

Torres: “Para min as tradicións axúdanme a recordar  de onde vimos e cara onde vamos”

 20230212 Chef Sergio Torres visita Festa Filloa Pedra Banha 12

 

A última hora da tarde de onte producíase unha das grandes sorpresas da XIX Festa da Filloa da Pedra da Baña, cando no polideportivo de San Vicenzo facía entrada o televisivo chef Sergio Torres, que ten tres estrelas Michelin xunto co seu irmán Javier no restaurante Cocina Hermanos Torres.

Acompañado polo alcalde, Andrés García Cardeso, o chef José Manuel Mallou foi o primeiro en explicarlle a Sergio Torres cales son os segredos da filloa da pedra da Baña e de onde procede esta tradición. Despois Dolores Landeira e Mónica Tomé, da Asociación Filloas da Pedra da Baña, xunto con Manuel Landeira Alicia Blanco, edís que onte traballaron de voluntarios na organización da festa, contáronlle como se fan as filloas da Pedra da Baña.

Moi atento ás explicacións destas veteranas filloeiras, Sergio Torres púxose enseguida mans a obra, colleu o mandil e a camiseta que lle ofreceu José Manuel Mallou e empezou, primeiro, a darlle a volta e, despois, a facer filloas. Sen dúbida, porque a mellor maneira de aprender é facendo.

 20230212 Chef Sergio Torres visita Festa Filloa Pedra Banha 6

Sergio Torres estivo esta fin de semana de vacacións en Galicia. Onte foi comer a Casa Barqueiro, en Negreira. Na sobremesa Rogelio Rial, deulle a probar unha “filloa espectacular”, segundo a cualificación do propio cociñeiro catalán. Torres foi o encargado onte de inaugurar a verbena da Orquestra Olympus na Festa da Filloa da Pedra e na súa intervención contou como se animou a visitar A Baña.

 20230212 Chef Sergio Torres visita Festa Filloa Pedra Banha 60

Rogelio Rial explicoulle na sobremesa ao seu convidado que na Baña había unha festa, unha homenaxe á filloa. “Díxome que era unha tradición, e para min iso axúdame a recordar de onde vimos e cara onde vamos. E díxenlle, vamos a ver esa festa”, asegurou Sergio Torres, quen de seguido contou a súa experiencia. “Estas filloas, feitas nunha pedra superquente, dan de comer, que alimentan non só a xente, senón a alma e a vida”, engadiu. Sergio Torres deulle as grazas á organización por manter viva unha tradición. “Se podemos aportar un gran de area, aquí estamos. Non sabedes canto me alegro de estar aquí, non só por min, senón tamén polos meu fillos e pola milla muller. É importante coñecer estas tradicións”, asegurou o chef estrela Michelin.

 20230212 Chef Sergio Torres visita Festa Filloa Pedra Banha 4

O alcalde, Andrés García Cardeso, agradeceulle ao responsable de Casa Barqueiro, Rogelio Rial, que facilitase que “un tres estrelas Michelin puidese visitar, e darlle o pulo que e merece, a Festa da Filloa da Pedra da Baña”, que onte celebrou a edición máis numerosa das 19 realizadas ata o momento. Foi tanta a afluencia de comensais que as 50 voluntarias e voluntarios non daban feito filloas á velocidade que requirían os visitantes. “Nós facemos as filloas de xeito tradicional, unha a unha, por iso hai que esperar, e pedímosvos paciencia”, lles dixo José Manuel Mallou aos visitantes.

 20230212 Chef Sergio Torres visita Festa Filloa Pedra Banha 17

Antes de abrir coa súa intervención a verbena amenizada pola Orquestra Olympus, Sergio Torres estivo un bo anaco facendo filloas e conversando coas voluntarias e voluntarios que levaban dende o venres pola tarde atendendo as 40 pedras no polideportivo de San Vicenzo. Torres coñeceu algunhas das anécdotas que lle contaron Arita Pais, Adina Balboa, Elena López, Antonio Balsa ou Rosa Ramos, entre outras.

 20230212 Chef Sergio Torres visita Festa Filloa Pedra Banha 20

Despois, acompañado polo alcalde, José Manuel Mallou e Rogelio Rial, Sergio Torres percorreu todos os postos de artesanía que estaban montados no polideportivo, mercando algúns agasallos para a súa familia e facéndose fotos con todas as persoas que querían ter un recordo co chef que durante catro anos presentou en TVE o programa de cociña Torres en la cocina. A emoción era visible nalgúns dos casos, como no mozo Markel Villaverde, que apenas podía falar mentres se facía unha foto co chef catalán.

 20230212 Chef Sergio Torres visita Festa Filloa Pedra Banha 26Sergio Torres foi un dos milleiros de persoas que se achegaron onte ata o polideportivo de San Vicenzo para degustar este rico manxar que, ademais, este ano fíxose con produtos ecolóxicos facilitados por CRAEGA. Tal foi a afluencia que o Concello e a Asociación Filloas da Pedra da Baña tiveron que duplicar os litros de amoado para dar de cometer a tenta xente. Dos 1.500 previstos inicialmente, e que se consumiron xa o sábado, ao final preparáronse máis de 3.000 litros de amoado, para os que se empregaron 300 quilos de fariña de trigo do país, 260 ducias de ovos e 30 quilos de touciño cedidos polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).

Podes ver o álbum de fotos coa visita de Sergio Torres á Festa da Filloa da Pedra da Baña na páxina oficial de Facebook do Concello da Baña, neste enlace (preme aquí)