A actuación da Banda da Escola de Música da Baña pecha o festival co que se clausura o presente curso
-
O director da agrupación anuncia que a banda tocará na procesión da Virxe das Dores o 9 de setembro
-
A concelleira Mónica González entregoulle diplomas ao alumnado que asistiu ás clases

A actuación da Banda da Escola de Música da Baña puxo esta mañá o colofón ao festival de fin de curso no que o alumnado pulido demostrar os avances acadados durante os últimos meses de ensaios. O público presente aplaudiu todas as actuacións e animouse a cantar os temas interpretados pola agrupación da escola.
A Escola Municipal de Música Emilio Andújar contou este curso con corenta alumnos e alumnas que recibiron clases nas especialidades de percusión, vento metal, vento madeira, piano e acordeón. Está dirixida por Marcos Cernadas e conta con Juan Leis e Ramón Leis como profesores.
Unha ampla representación do alumnado participou esta mañá no festival organizado pola Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía para despedir o curso e amosarlle á familiares e veciñanza os progresos que acadaron nos últimos meses. A tenente de alcalde Mónica González entregoulles diplomas ás alumnas e alumnos que asistiron ao acto e destacou a súa implicación e a dos profesores para que a Escola Emilio Andújar siga medrando cada ano.
Tras as intervencións individuais ou grupais do alumnado, subiu ao escenario a Banda da Escola de Música da Baña para tocar diferentes temas, animando a cantar e a bailar ao público presente, entre o que se atopaba o alcalde, José Antonio Pereira. Durante a actuación, Juan Leis anunciou que a agrupación da escola ten previsto tocar na procesión da Virxe das Dores que se celebrará o vindeiro 9 de setembro, na que será a súa primeira actuación de rúa.