• A participación está aberta a toda a cidadanía, a partir dos 3 anos

  • Ofértanse vento madeira, vento metal, batería e percusión, guitarra e canto, ademais de solfexo como complementario a todas as demais

  • O prazo para anotarse é de dez días hábiles e requírese un mínimo de cinco alumnos para impartir a maioría dos instrumentos

 

O Concello da Baña abre mañá , mércores 11 de setembro, o prazo de matrícula para todas aquelas persoas que desexen formarse na Escola Municipal de Música Emilio Andújar durante o curso 2024-2025. O servizo vai dirixido á poboación en xeral a partir dos 3 anos de idade, se ben hai prioridade para as persoas empadroadas na Baña. As clases desenvolveranse en horario de tarde, coincidindo co calendario escolar anual.

A Escola Municipal de Música Emilio Andújar oferta para o curso 2024-2025 as modalidades de vento madeira, vento metal, batería e percusión, guitarra e canto. A estas materias hai que sumarlle solfexo, especialidade que está incluída e que é complementaria a calquera das anteriores. As especialidades que se impartirán este curso, ademais de solfexo, son: percusión, saxofón, frauta traveseira, clarinete, trompeta, tuba, trombón, bombardino, piano, guitarra, acordeón e canto.

Nas bases reguladoras do servizo, publicadas na sede electrónica do Concello, establécese un número mínimo de cinco alumnos inscritos en cada especialidade para que esta poida ser impartida (agás en piano, acordeón e solfexo, que se darán con independencia do número de alumnos apuntados).

O prazo de inscrición é de 10 días hábiles a contar desde o 11 de setembro. No caso de quedar prazas vacantes, poderase solicitar a alta con posterioridade a estas datas nas especialidades abertas. Aquelas especialidades que no momento da aprobación da lista definitiva de admitidos non reúnan o número mínimo de 5 persoas inscritas non serán obxecto de admisión de solicitudes fóra de prazo. As solicitudes de menores de idade deben de ir asinadas polo pai, nai, titor ou representante legal.

Para inscribirse é preciso presentar a seguinte documentación:

  • Ficha de inscrición
  • Impreso cuberto da orde de domiciliación de recibos
  • Autorización de captación de imaxe e son
  • Autorización para usar o número de teléfono
  • Copia do documento de identidade da persoa usuaria
  • Copia do documento de identidade da persoa titular da conta
  • De ser o caso, informe médico que acredite calquera tipo de tratamento especial

Unha vez rematado o prazo de inscrición, publicarase a lista provisional de persoas admitidas e darase un prazo de 10 días para presentar alegacións. Os horarios das distintas especialidades seranlles comunicados polos mestres das mesmas ás persoas usuarias e ás familias unha vez realizadas as inscricións e publicada a lista definitiva de admitidos. O formulario de inscrición, cos anexos, pode descargarse nos documentos adxuntos, así como as bases reguladoras da Escola Municipal de Música da Baña.

Podes facer a matrícula en liña dende a Sede Electrónica da Baña (neste enlace).