O acto celebrouse este sábado na ESMU Emilio Andújar e contou coa presenza de numerosos veciños e veciñas, autoridades locais e antigos membros da agrupación ||
“A Banda de Música Infantil da Baña foi unha escola de vida para moitos nenos e nenas”, dixo a autora Beatriz Cancela ||
“Neste proxecto amateur resultaron cruciais a implicación do colexio e do Concello da Baña e a dos seus directores, Emilio Andújar e Mario Martínez”, resaltou a autora ||
A concelleira Mónica González destacou a “disposición e implicación das familias e dos nenos e nenas que formaron parte da banda" ||
O eco das notas musicais que un día enchían as rúas da Baña volveu soar este sábado, 7 de setembro, coa presentación do libro A banda de música infantil da Baña 1982-2007 a cargo da súa autora, Beatriz Cancela. O acto, que tivo lugar na Escola Municipal de Música Emilio Andújar, congregou a numerosos veciños, veciñas e autoridades locais, entre elas o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e a concelleira de Acción social, cultural e servizos á cidadanía, Mónica González.
Escrita pola recoñecida musicóloga Beatriz Cancela Montes, a obra revive os 25 anos de traxectoria dunha agrupación que marcou unha época na vida cultural do municipio, sendo esencial na formación musical de moitos mozos e mozas entre 1982 e 2007. Durante a súa intervención, Cancela, quen tamén foi alumna da banda, fixo un percorrido polas etapas máis destacadas da agrupación, resaltando o legado que deixou na comunidade e a súa contribución á educación musical de ducias de nenos e nenas da Baña.
O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, sinalou durante o acto que "a Banda Infantil non só foi un proxecto musical, senón un proxecto de futuro para moitos mozos e mozas do noso concello". Pola súa banda, a concelleira Mónica González, destacou "o papel esencial que tivo esta banda para manter viva a tradición musical na Baña e para ofrecerlles novas oportunidades educativas á mocidade". González Blanco resaltou que “ademais das institucións, na historia da Banda Infantil da Baña hai que loar a disposición e implicación das familias do alumnado da banda”.
Na presentación, organizada pola Concellería de Acción social, cultural e servizos a cidadanía, participaron, ademais da propia autora, Antonio Casal Andújar (neto no promotor da banda, Emilio Andújar); Mario Martínez, ex alumno e segundo director da Banda Infantil da Baña; o ex alcalde Francisco Villaverde, e a directora do CPI San Vicente, Mar Sueiro. A propia Mar Sueiro lanzoulles un reto as persoas asistentes que formaron parte da Banda Infantil da Baña: organizar unha xuntanza de ex integrantes da banda “que se podería celebrar o vindeiro 11 de maio no colexio da Baña, onde naceu a agrupación o 12 de maio de 1982”.
Beatriz Cancela, destacada musicóloga santiaguesa, que en 2009 recibiu o I Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán, expresou o seu agradecemento por formar parte deste proxecto e destacou a figura de Emilio Andújar, fundador da banda e da escola de música, cuxo nome levan agora as escolas vellas desde 2022. Andújar foi lembrado con cariño durante a presentación como o home que, co seu esforzo, abriulles as portas do mundo da música a unha nova xeración de rapaces e rapazas.
Beatriz Cancela destacou que es libro é “unha homenaxe a unha agrupación amateur. A Banda Infantil da Baña foi unha proposta na que resultaron cruciais a intervención de varios actores: o colexio e o Concello da Baña, Emilio Andújar, fundador e director dende 1982 ata 1993, e Mario Martínez”, que dirixiu a banda dende 1994 ata 2007.
“Este libro recolle unha dobre motivación”, indicou a autora. Por unha banda, está a experiencia vital, xa que Beatriz Cancela foi integrante da banda dende pequena durante 15 anos e, por outra, a labor investigadora e estudosa da música. “Esta banda é popular e puiden acceder aos datos, xa que toda a actividade da banda quedou rexistrada: as saídas, as actuacións e a súa traxectoria”, sinala
A xornada foi tamén unha oportunidade para o reencontro de antigos músicos e músicas, que compartiron lembranzas e anécdotas sobre os seus anos na Banda Infantil da Baña. Moitos destacaron como a agrupación lles permitiu acceder á música, viaxar e vivir experiencias que marcaron as súas vidas, en especial para a mocidade do rural bañense dos anos 80 e 90. O acto serviu para poñer en valor o impacto desta banda na comunidade e o legado de Emilio Andújar, quen traballou para facer da música un patrimonio vivo da Baña. “Andújar nunca se desvinculou da Banda Infantil e os pais fixeron unha grande labor”, concluíu Beatriz Cancela.
Ao rematar a presentación, regalóuselle un libro a cada unha das persoas que formaron parte da Banda Infantil da Baña, xunto cunha tarxeta personalizada. Mónica González agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña, que imprimiu o libro.