• A cantante receita “inculcar o respecto desde ben pequeniños” como fórmula para conseguir a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres

  • Protagoniza o noveno vídeo da serie ‘A Baña en feminino’, que se publica no día das festas patronais de San Vicenzo

 

A cantante Rosa Rodríguez Álvarez é o 50% do Dúo Rosán e conta cunha longa traxectoria no eido das orquestras e da verbena en Galicia. Esta veciña da Baña radiografía o papel da muller na música coa súa participación no vídeo que se publica coincidindo coas festas patronais en San Vicenzo da Baña, dentro da serie audiovisual ‘A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural’.

A xuízo de Rosa Rodríguez “mellorouse moito na música e agora hai varias mulleres que están levando a batuta”. A cantante sitúa os progresos na igualdade tamén noutros sectores: “antes non se vía unha muller camioneira cando agora si se ven”, afirma. E engade que “avanzamos moitísimo e seguiremos avanzando, pero paseniñamente, porque non é fácil”.

Neste sentido, Rosa Rodríguez receita “inculcar o respecto desde ben pequeniños” como medida para conseguir a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. “Non porque sexa papá ten que conducir e mamá ten que ir ao seu carón; mamá pode conducir e papá pode facer as camas ou fregar a louza”. Hai que “compartir e respectar”, sentencia a cantante.

Preguntada sobre o xeito de vestirse das mulleres nas actuacións, Rosa Rodríguez considera que non é nin unha forma de liberación feminina nin un símbolo de opresión das mulleres. “Creo que ningunha das dúas cousas”, asegura a intérprete, e engade que “levo moitos anos neste mundo e ninguén me obrigou a vestir dun xeito ou doutro”. En opinión de Rosa, “as cantantes vístense así porque teñen que dar unha imaxe e porque se senten ben, pero non porque o necesiten”. Do mesmo xeito, engade que “tamén os homes van agora máis musculados porque é parte do espectáculo. Non quere dicir que antes non o fora, pero quizais se baseaba máis en escoitar música e ir bailar, o que era a esencia da verbena”.

Por último, Rosa Rodríguez recomenda cancións que defenden a igualdade das mulleres e dos homes e mesmo canta algún fragmento no vídeo. Unha en galego, Son muller, do grupo Máis boas cás patacas, que di "mulleres é o que somos e mulleres seremos, desprezadas, maltratadas, iso non queremos". E outra en castelán, de Merche, titulada Abre tu puerta, “que creo que a xente non estaba concienciada de que era especialmente para nós”.

A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural

O proxecto ‘A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural’ consta de doce vídeos que o Concello está a publicar na súa canle de YouTube en 2021, a razón e un audiovisual por mes, nos que se lles dá voz a veciñas do municipio que se desempeñan en diversos eidos. Ten por obxectivos principais visibilizar as mulleres bañenses dentro dunha contorna aínda maioritariamente machista e axudar a reflexionar sobre a situación actual en canto a xénero, ao tempo que se promove a igualdade de xénero e se fomenta o uso do galego.  

  • Noelia Castro, graduada en Educación Infantil e monitora de ocio e tempo libre, convidou a reflexionar sobre o cambio de mentalidade necesario para a igualdade. Fíxoo nun vídeo publicado no Día Internacional da Mocidade, no que esta veciña de Lañas de 22 anos salientou a importancia dos campamentos como “espazos idóneos para promover a igualdade desde a primeira infancia”.
  • Carme Liñares, avoa de cinco netos, protagonizou o vídeo publicado en xullo, con motivo do Día Internacional das Avoas e dos Avós. Esta veciña de Cabanas constataba o difícil que foi “chegar á liberdade de hoxe, porque antes a muller non tiña voto para nada” e convidaba a non dar pasos atrás.
  • Verónica Liñares, enxeñeira de Montes e veciña de Ordoeste, incidiu no mes de xuño na necesidade de dotar á sociedade de “referentes femininos para que desapareza a fenda de xénero existente nas ciencias e nas enxeñarías”.
  • A soldadora Nerea Vázquez protagonizou o vídeo que se publicou no Día do Traballo, no que falaba da presión que sentiu cando decidiu estudar para un oficio tradicionalmente masculino ou das dificultades laborais coas que se atopan as mulleres no sector do metal. 
  • Coincidindo co Día do Libro o 23 de abril, a gañadora do premio Álvaro Cunqueiro de teatro Carme Varela avogaba por liberar as mulleres da carga dos coidados. “É un lastre que levamos de sempre, o de coidar primeiro dos nenos e despois dos maiores”, subliñaba a filóloga e escritora de Duomes de Arriba.
  • Xa en marzo, a ex perruqueira Isabel Giraut, promotora da Asociación de Mulleres na Baña, insistía na importancia de que dende pequenos rapaces e rapazas sexan educados para asumir idénticas responsabilidades no fogar. 
  • En febreiro, o protagonista foi Carlos Sande, un mozo filloeiro que reclamaba “condicións idóneas” para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes en todos os eidos vitais, ao tempo que censuraba a existencia de “micromachismos que temos tan interiorizados que nin os cuestionamos”.
  • A mestra xubilada Dolores Allo inaugurou a serie ‘A Baña en feminino’ o pasado mes de xaneiro, co gallo do Día Internacional da Educación, falando das súas vivencias e dos avances que experimentou a sociedade nas últimas décadas de cara a acadar a igualdade. 

Bana feminino 09 Rosa Rodriguez Alvarez