• As clases comezarán a finais de mes no primeiro caso e o 5 de outubro na de música tradicional

  • Os formularios pódense descargar nos arquivos adxuntos

20210901 Escolas Musica Bana

O Concello da Baña abre hoxe o prazo de matrícula para o curso 2021-2022 na Escola Municipal de Música, que comezará as clases a finais deste mes, e na Escola de Música Tradicional, que retomará as ensinanzas o 5 de outubro. As persoas interesadas poden cubrir os formularios que se atopan na páxina web e formalizar a inscrición no departamento de Educación e Cultura.

A Escola Municipal de Música da Baña ofrece a posibilidade de aprender ou mellorar coñecementos en once instrumentos, ademais de canto e solfexo. As clases están dirixidas para nenas e nenos a partir de 3 anos e tamén para persoas adultas.

As especialidades que poden cursarse son percusión, saxofón, frauta traveseira, clarinete, trompeta, tuba, trombón, bombardino, piano, guitarra e acordeón. Por cada instrumento pagarase unha mensualidade de vinte euros, cun desconto da metade do importe para o segundo e seguintes membros da mesma unidade familiar. As clases de solfexo están incluídas tamén na matrícula e, ao igual que o ano pasado, tamén se ofrece formación en canto.

Polo que respecta á Escola de Música Tradicional, que comezará as clases o 5 de outubro, as especialidades que se impartirán son as de gaita e percusión (tanto para infantil como para adultos) e pandeireta, neste caso só para maiores de idade. Ten que haber un grupo mínimo de cinco persoas para que poidan impartirse. O prezo será de 30 euros por todo o curso.

Os formularios de inscrición, así como a declaración responsable e a autorización de imaxe pódense descargar na páxina web. A formalización da matrícula debe facerse no departamento de Cultura e Educación do Concello.