20181007 Trofeos CMP Trail primer plano

 

20181007 Podium TrailVíctor Cousillas Diéguez, do A.D. Jarnachas, foi o gañador do CMP Trail da Baña, ao percorrer os 27 km da proba longa en pouco máis de dúas horas (2:10:23). O segundo e terceiro posto foi para Hamza Belhadj (2:12:27) e Roberto Tuñas González (2:12:47). Os favoritos en categoría masculina entraron a continuación: Luis Calvo Castro (2:14:20), Pedro Nimo (2:18:17) e Alberto Carou (2:21:52).

En categoría feminina a gañadora foi María Fabeiro Romero, do CDM Vértice, cun tempo de 3:00:24), seguida de María Marque Martínez, do Tartarugas, con 3:07:11 e Sonia Botana González, do clube Nosportlimit, cun tempo de 3:08:10.

Polo que respecta ao minitrail, no que os participantes percorreron 17 km, o gañador en categoría masculina foi Moisés Bereijo Nebril, cun tempo de1:28:32, seguido de Adrián Iglesias Penido (1:29:46) e Manuel Ces Cristobo (1:30:05). Na categoría feminina, a primeira na liña de meta foi Vanesa Mella Barbeito (1:56:27), seguida de Noelia Amado Fernández (2:02:52) e Andrea Martínez (2:03:59).

A celebración desta proba, o terceiro trail que organiza o Concello da Baña, congregou a trescentos participantes no campo de Cartas e a centros de afeccionados que durante toda a mañá seguiron en directo todos os detalles da proba.

Moitos dos participantes loubaron ao chegar a meta a organización do CMP Trail da Baña, así como o percorrido e os paisaxes que puideron admirar durante o percorrido. Algunhas das participantes, e tamén algún que outro corredor, sinalaba, ademais, a dureza e a distancia do percorrido, sobre todo facendo mención aos 17 quilómetros do minitrail.

Nada máis cruzar a meta, os e as atletas puideron repoñer forzas a base de froitas, auga, refrescos e tamén bocadillos de xamón asado que a organización puxo a súa disposición, mentres os máis cativos xogan nos inchables instalados no campo. Os atletas máis perxudicados fisicamente acudiron a recibir unha masaxe dos profesionais de Fisiovita Centro de Fisioterapia que montou unha carpa na liña de meta para axudar a todas as persoas participantes no CMP Trail da Baña.

20181007 Podium MiniTrailE despois dunha intensa mañá, na que acompañou o bo tempo, tocou o turno da entrega de trofeos. O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso; o concelleiro de deportes, Manuel Tourís Fernández; o representante de CMP, Marcos Sánchez; e Manuel Baleato, de Talleres Baleato, entregábanlles a cada un dos gañadores de cada categoría os trofeos que lles pasaba Orlando Pérez Alvite, de Deportes Alvite.

O Concello quixo entregar tamén un agasallo aos principais patrocinadores da proba. Marcos Sánchez, Manuel Baleato e Orlando Pérez recibiron como recordo unha réplica da casa do concello.

Agora, dende a Concellaría de Deportes están xa a pensar na seguinte edición do CMP Trail da Baña e como mellorar tanto o percorrido como a organización.

Albumes de fotos no Facebook do Concello da Baña.

Fotos dos gañadores e entrega de premios (preme aquí)  

Fotos da carreira e ambiente no campo de Cartas (preme aquí)