O ex campión de España de maratón e cinco veces campión galego de cros, Pedro Nimo, será un dos corredores que o vindeiro 7 de outubro tome a saída na CMP Trail da Baña que organiza o Concello en colaboración con Grupo de Trail e Montaña (GTraM) Val de Barcala. Esta carreira de montaña contará con probas de 25 e 17 km de percorrido e cunha andaina non competitiva de 10 quilómetros, que discorrerán polos montes da comarca, nun circuíto de dificultade media. Para facilitar a participación, a organización pon á disposición dos atletas servizos gratuítos de gardería, catering e fisioterapia.
O CMP Trail da Baña foi presentado esta mañá no Hostal dos Reis Católicos nun acto no que alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, recordou que dende hai anos o Concello leva apostando “pola organización de probas deportivas como unha forma de fomentar unha vida saudable e o espírito de esforzo, superación e colaboración como principais ferramentas para ser mellores persoas”.
Despois de organizar durante tres anos o Campionato Escolar de Campo a Través e o Campionato Galego de Cros Curto, o Concello da Baña quere “contar cunha proba que nos poida caracterizar dentro deste deporte”, destacou Andrés García, motivo polo que apostaron polo Trail da Baña, “unha carreira de montaña dunha dificultade media que nos permite amosar as fermosas paisaxes que temos no noso concello”.
Para o atleta Pedro Nimo, “a opción de dúas distancias e dunha andaina convida a participar” no Trail da Baña. Nimo autodefiniuse como un “atleta de asfalto” para o que “este tipo de probas, que esixen un traballo de forza, encaixa ben nestas datas como preparación para obter uns bos resultados a longo prazo”. “O desnivel de 780 metros é esixente pero non prohibitivo”, explicou o atleta, para o que a carreira bañesa “é unha grande iniciativa nunha zona próxima a Santiago que ten moito por descubrir”.
Esta é a terceira trail que organiza o Concello da Baña, “que este ano se viu respaldada co patrocinio de CMP, “unha marca italiana de roupa deportiva recoñecida internacionalmente”, explicou García Cardeso, que agradeceu o apoio de todos os patrocinadores. Pola súa banda, Marcos Javier Sánchez Varela, representante de CMP, sinalou que “a profesionalidade coa que se está a organizar o trail foi decisiva para que dende Italia se quixeran implicar coa proba”. Sánchez anunciou a intención de CMP de continuar patrocinando o Trail da Baña.
Ademais, esta proba conta coa colaboración de Gráficas Esteiro (Santiago), Deportes P. Alvite (Santa Comba), Talleres Baleato (Val do Dubra), Coca Cola, e de emesports.es, a plataforma on-line de inscricións que tamén se encargará da loxística e do control de tempos.
Menos de 800 metros de desnivel
A proba de 25 quilómetros, ou trail longo, disputarase nun circuíto dunha dificultade media, cun desnivel positivo duns 780 metros; mentres que o mini trail (17 km) conta cun desnivel positivo aproximado de 500 metros, segundo explicou Sergio Vieites, presidente do GTram Val de Barcala. Os corredores tomarán a saída no campo de fútbol das Cartas as 09.45 horas (trail) e ás 10.15 (andaina). A meta estará situada tamén no campo das Cartas, onde os atletas poderán recoller os dorsais o mesmo domingo, 7 de outubro, dende as 08.00 horas.
A estas dúas probas, na que poderán participar corredores federados ou non federados maiores de 18 anos, engádese unha andaina de 10 quilómetros non competitiva, a que tamén poderán ir menores de 16 anos sempre que vaian acompañados dun adulto.
Nestes intres hai xa inscritos máis de 40 atletas no CMP Trail da Baña. Os interesados en participar deberán anotarse antes das 23.59 horas do vindeiro xoves, 4 de outubro, na web www.emesports.es, na que tamén se poderá consultar o regulamento.
O percorrido, que ten unha dificultade media, transcorre polos montes da Baña. Estará sinalizado e contará con dous puntos de avituallamento líquido e sólido (para o trail), e un punto para o mini trail. Os participantes deberán levar, como material recomendable para esta proba, impermeable, teléfono móbil cargado, vaso e sistema de hidratación propio, segundo explicou Sergio Vieites.
Haberá premios para os tres primeiros da xeral, e de cada unha das tres categorías establecidas para o trail, tanto en homes como en mulleres: absoluta (maiores 18 anos), veteranos 1 (maiores 40 anos) e veteranos 2 (maiores 55 anos).
Na presentación de hoxe no Hostal estiveron presentes, ademais de Andrés García Cardeso e Sergio Vieites, o atleta Pedro Nimo; Marcos Javier Sánchez Varela, representante de CMP; e representantes das marcas patrocinadoras.