• As clases comezarán a impartirse o luns 23 de xaneiro con dúas horas semanais tanto para nenos como para adultos

  • Para anotarse hai que cubrir o formulario dispoñible na web do Concello

  • Os afeccionados a este deporte poderán reservar as pistas de Lañas de xeito gratuíto provisionalmente a partir do día 20

20230111 Diego Calvo inaugura pistas padel Lanhas 10

 

O Concello da Baña incorpora a modalidade de pádel ás Escolas Deportivas Municipais. A nova actividade deportiva está aberta tanto a nenas e nenos como a persoas adultas. As clases, que comezarán a impartirse a partir do vindeiro luns, 23 de xaneiro no pavillón de Lañas, desenvolveranse unha vez á semana en sesións de dúas horas de duración: os luns de 17.45 a 19.45 horas para menores e os venres, de 20.00 a 22.000 horas para persoas adultas.

Todas as persoas interesadas en mellorar a súa técnica ou iniciarse no pádel nas Escolas Deportivas Municipal da Baña deberán cubrir o formulario de inscrición que se atopa no arquivo adxunto, así como as bases das Escolas Deportivas Municipais.

Reserva gratuíta das pistas

Por outro lado, as novas pistas de pádel do pavillón de Lañas poderanse utilizar por todas as persoas afeccionadas a este deporte que fagan a oportuna reserva de hora. As pistas abriranse ao público tamén a partir do luns, 23 de xaneiro, nos seguintes horarios: os luns e os xoves, de 20.00 a 23.00 horas; os martes, mércores e sábado, de 17.00 a 23.00 horas. 

De forma provisional, a utilizacións das pistas será gratuíta, ata que o Concello aprobe a ordenanza correspondente, na que se establecerán os prezos e os horarios de uso. O venres, 20 de xaneiro, abrirase o prazo para facer as reservas das pistas, que se poderán facer cunha antelación non superior a unha semana (respecto do día que se queira xogar) e para un tempo máximo de 90 minuto por persoa.

Polo de agora, todas aquelas persoas que o desexen poden reservar a pista chamando ao teléfono do departamento de Deportes: 669 368 413, en horario de 10.00 a 14.00 horas, e indicar o día e o tramo horario no que queren xogar.