• A Consellería de Deporte aportará 40.000 euros dos 48.000 que custará a instalación

  • O convenio entre Xunta e Concello asinouse a semana pasada e ten que estar xustificado antes da fin deste 2022

A Baña verá incrementadas nos próximos meses as súas infraestruturas deportivas municipais con dúas pistas cubertas de pádel que se instalarán no pavillón polideportivo de Lañas. As obras, que teñen un custo de 48.000 euros, desenvolveranse grazas a un convenio asinado a semana pasada entre o Concello bañense e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte.

O obxectivo do acordo de colaboración entre a Xunta e o Goberno municipal responde tanto ao desexo de ofertar maiores servizos para a veciñanza como ao de darlle máis aproveitamento ao pavillón de Lañas, na actualidade practicamente en desuso, coa fin última de promocionar a vida activa e a práctica deportiva.

Así, o polideportivo sufrirá unha reestruturación que pasa pola instalación de dúas pistas de pádel no seu interior. Para iso, o primeiro paso será nivelar o pavimento onde se van asentar as pistas e, a continuación, levantarase o recinto coa colocación dunha estrutura autoportante con frontes de vidro temperado e puntos de iluminación con focos LED.

O convenio recolle que a Xunta aportará 40.000 euros dos 48.000 do orzamento total das obras. Os outros 8.000 euros serán asumidos polo Concello da Baña, que se fará cargo da actuación e terá que xustificala antes do 20 de decembro deste 2022 polo que se prevé que as instalacións poidan estar rematadas a principios do vindeiro ano.