O Memorial Iván Paredes celebrado este sábado, 16 de abril, no campo de Cartas na Baña, recadou máis de mil euros que se destinarán na súa totalidade para axuda humanitaria ás vítimas da guerra en Ucraína. O ex xogador internacional do Deportivo, Donato Gama da Silva, realizou o saque de honra dun torneo no que participaron os equipos alevíns e infantís da SD A Baña e da AD Nicrariense, máis os veteranos da Baña e do Advoc Taberna A Roda.
A homenaxe a Iván Paredes, falecido en 2004 aos 15 anos e cando empezaba a despuntar como futbolista, contou coa participación de familiares do mozo bañés. O Concello da Baña agradece a colaboración neste evento de Donato; de Alberto Romar (árbitro do encontro de veteranos); dos clubes participantes; do presidente da A Baña Emprende, Rafa Vieito; do presentador e animador do acto, Miguel Villaverde; de Emilio Lois e o grupo de gaitas; e de toda a xente que colaborou coas súas doazóns e mercando rifas e produtos conmemorativos.